Noticias
Blog

Ourense, 24 de outubro de 2011.- O Concello de Xunqueira de Espadañedo celebrou hoxe luns un pleno extraordinario no que o alcalde, Ricardo González, presentou a súa dimisión por motivos persoais logo de vinte anos á fronte da Alcaldía. O actual tenente alcalde, Carlos Gómez Blanco, de 53 anos, mestre de profesión e natural de Xunqueira de Espadañedo, toma o relevo de Ricardo González, "para continuar a súa labor e seguir modernizando o noso concello e ofrecerlle aos nosos veciños os mellores servizos posibles".
O Partido Popular de Ourense quere agradecer a Ricardo González o traballo ímprobo e de dedicación polo concello e os seus veciños, "unha xestión que se viu referendada con seis maiorías absolutas, e agora por unha transición modélica, deixando a Alcaldía en mans de Carlos Gómez", afirma o presidente provincial do PP, Manuel Baltar.
Ao longo dos vinte anos como alcalde, Ricardo González levou a cabo importantes obras e servizos no concello, entre os que destacan a construción do centro de saúde, a recuperación do mosteiro para usos culturais, a construción dunha planta para residuos da construción e importantes infraestruturas básicas de abastecemento, alumeado e saneamento.
Ademais, Ricardo González impulsou o turismo rural da Ribeira Sacra, sendo durante 13 anos presidente do Grupo País do Bibei-Ribeira Sacra do Sil.
A labor de continuidade que vai levar a cabo Carlos Gómez está marcada por acadar proxecto tan importantes como a construción do parque eólico singular e a inminente aprobación do Plan de Urbanismo, así como a sinatura co Bispado de Ourense para a cesión do mosteiro ao concello por medio dunha permuta de bens.
Na actualidade, a corporación local de Xunqueira de Espadañedo está conformada por 6 concelleiros do PP e 1 do BNG.








