Blog

 O PPOU salienta o importante investimento previsto pola Xunta en Ourense para 2012, que supera os 100 millóns de euros

Imprimir ppou - 21-Outubro-2011 - 21:51:35 

Ourense, 21 de outubro de 2011.- O PP de Ourense valora positivamente "o importante nivel de investimento na provincia de Ourense que figura no proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro 2012, que se traduce en cerca de 100 millóns de euros e un gasto por habitante de 838 euros". Así mesmo, sinala que "o compromiso co gasto social do actual Goberno galego tradúcese nos máis de 110 millóns de euros que se destinarán ao gasto en receitas médicas, os 45,4 millóns para dependencia e 5,6 millóns de educación".
O PPOU destaca "a aposta do Goberno galego polo equilibrio do territorio, que permite a Ourense ser a segunda provincia que máis recibirá por habitante, só superada por Lugo (926 euros) e moi por enriba de Pontevedra (339 euros) e A Coruña (623 euros).

POR CONSELLERÍAS E CONCELLOS

Facendo un seguimento por consellerías, aparecen reflectidos no documento orzamentario cerca de 23 millóns de euros que destinará Medio Rural á provincia de Ourense, aos que se sumarán outros 8,5 millóns para innovación e tecnoloxía; 5,6 millóns de Educación; ou os case 5 millóns de euros do Servizo Galego de Saúde. "A pesar da complexa situación económica que estamos a vivir, o Goberno galego mantén un alto nivel de investimento na nosa provincia".
Nos orzamentos da Xunta tamén figuran partidas importantes como os 1,4 millóns de euros para a construción de vivendas en Maside ou 543.000 euros para o mesmo fin en Cenlle; o millón de euros para infraestruturas turísticas e bens de interese público en O Bolo; ou os 500.000 euros que se destinarán á ampliación do centro Padre Feijóo en Allariz.
Así mesmo, e en consonancia coa aposta do Goberno galego polas políticas sociais ao destinar o 76 por cento do orzamento a sanidade, educación e servizos sociais, a provincia de Ourense recibirá un investimento de 110 millóns de euros para o gasto en receitas, 45,4 millóns de euros para dependencia ou 13 millóns de euros dentro dun programa para adquisición de experiencia en persoas desempregadas, ademais doutras partidas importantes para os centros de ensino infantil e primario da nosa provincia, explicou o deputado.
En materia de infraestruturas a partida máis importante vai destinada á autovía de Celanova -32 millóns de euros- e tamén son destacables actuacións en materia agraria e medioambiental en diversos concellos e mesmo os investimentos en polígonos industriais, como os de Pazos e Tamagos en Verín e o Parque Tecnolóxico -9'2 millóns de euros-. En Verín asemade figuran nos orzamentos 1'5 millóns de euros para a construción do Centro Municipal das Artes.
O PP de Ourense destaca estas actuacións territorializadas, "con nomes e apelidos", destinadas á provincia de Ourense, que serán completadas cos investimentos que deriven de partidas xerais da comunidade autónoma para atender as necesidades do noso territorio.    
Suscíbete:
Redes Sociales: