Blog

 O Bipartito continúa coas súas trabas ao acceso á información sobre o Botánico

Imprimir ppou - 20-Outubro-2011 - 12:43:41 

Ourense, 20 de outubro de 2011.- Pese a que o Grupo Municipal do Partido Popular rexistrou a pasada semana unha solicitude para que comparecese hoxe en xunta de área de Medio Ambiente, Vivenda, Peris e Aris  o director de obra do presunto Xardín Botánico de Montealegre, esta petición volveu a caer en saco roto.
Segundo se puxo de manifesto na citada xunta de área, o técnico responsable non compareceu na reunión por "motivos de axenda", tal e como informou a concelleira de Medio Ambiente, Marta Arribas. O portavoz municipal dos populares, Rosendo Fernández, lembra que o director de obra ten un contrato de dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde e dirección de execución por un importe de 54.000 €, máis 8.640 € en concepto de IVE, dando un total de 62.640 €.


Rosendo Fernández manifesta que "unha vez máis se demostra a actitude sobradamente oscurantista con respecto a facilitar a información demandada non só polo Partido Popular, senón por toda a cidadanía de Ourense". Asemade, o voceiro popular reitera que ante este novo xesto do Bipartito, "amosan ben ás claras que teñen algo que ocultar", lembrando que a solicitada presencia do director de obra na xunta de área ten como obxecto "que informe ós grupos políticos da situación actual de dito proxecto (unidades de obra executadas e pendentes de executar, das actuacións que se van levar a cabo para a subsanación de defectos detectados e prazos previstos de fin de obra). Nembargantes, para o único que tiveron presa foi para inaugurar a obra".
Por último, Rosendo Fernández incide en que o oscurantismo con respecto ao presunto Xardín Botánico quedou ben de manifesto cando o Bipartito rexeitou no último pleno do 7 de outubro a creación dunha comisión informativa sobre o proxecto, alegando que era suficiente a xunta de área para este fin.
Suscíbete:
Redes Sociales: