Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Os nenos da gardería municipal de O Barco soportan temperaturas de máis de 35 graos.

Imprimir ppou - 03-Xuño-2010 - 11:34:59 


O Barco de Valdeorras, 2 de xuño de 2010.- O portavoz do Partido Popular no Concello de O Barco, Moisés Blanco, ven de denunciar a “situación infrahumana” que están a padecer os nenos e nenas da gardería municipal de O Barco, que soportan nas instalacións temperaturas que chegan a superar os 35 graos. “A falta de ventilación e a elevada temperatura son dúas reivindicacións para as que os pais levan anos pedindo solucións, sen que ata o de agora se atendesen ás súas peticións”, explica Moisés Blanco.

O certo é que os pais levan máis de 10 anos solicitando que as condicións de habitabilidade da gardería se melloren, debido a que cada ano, entre os meses de maio e setembro, os nenos teñen que soportar temperaturas extremas, superándose os 35 graos na zona común de xogo e os 26 graos nas aulas.
Segundo explica Moisés Blanco, quen visitou estes días a gardería para comprobar in situ as deficiencias, “ademais da falta de ventilación nas aulas interiores, os nenos tamén tiveron que convivir, durante este pasado inverno, con numerosas pingueiras producidas por varias filtracións na cuberta. O patio de xogo conta con catro equipos de aire acondicionado, que debido á súa extensión e á elevada temperatura que soporta directamente, vólvense inútiles, producíndose un gasto improductivo e por tanto innecesario, xa que terminan abrindo as fiestras en busca de ventilación”.
Tanto é así, que todos os días, a partir das 11.00 horas, e dende a primavera até o outono, o patio de xogo común deixa de ser utilizado, dificultando o labor das educadoras á hora de poñer en práctica dinámicas de aprendizaxe ou xogos colectivos.
Moisés Blanco afirma que o goberno municipal leva aprazando a reforma da gardería, “coa presentación de distintos proxectos que nunca terminan de concretarse. Sen embargo, pensando no benestar dos centenares de nenos e bebés que pola gardaría pasaron, terían que atopar algunha solución dende hai xa tempo”.
O portavoz Popular afirma que o goberno municipal socialista de O Barco “tivo recentemente unha boa oportunidade a través do financiamento concedido aos concellos ao amparo do Plan E. Pero o alcalde non considerou prioritario resolver este grave problema e prefire seguir botando balóns fóra”.
O Partido Popular de O Barco urxe unha “solución inmediata” a este serio problema, que xa sería especialmente delicado se se referise a persoas adultas, “canto máis se pensamos en bebés e nenos menores de 3 anos soportando temperaturas de máis de 35 graos”, afirma Moisés Blanco.
Para máis información:
Moisés Blanco (teléfono: 662 405 448)

(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: