Noticias
Blog
O PP pide ao goberno local que solicite as axudas da Xunta para levar a cabo proxectos municipais que adapten a nosa cidade ao cambio climático e ás altas temperaturas
• As axudas do goberno galego permiten aumentar a biodiversidade dos espazos urbanos, plantar novas especies autóctonas, instalar pavimentos naturais para atenuar o efecto ‘illa de calor’, implantar novos espazos abertos, crear xardíns verticais e mellorar os entornos verdes e os paseos fluviais”, explica a edil Inma Moreiras
• Os populares xa solicitaron no mes de maio do ano pasado, a través dunha moción, ademais destas medidas, outras a curto prazo como: adaptar espazos municipais e galerías comerciais como refuxios climáticos; instalar de elementos téxtiles para facer sombra nas rúas peonis e aumentar as fontes de consumo público. Polo que instan tamén ao alcalde a implementalas para conseguir unha estratexia integral
• “É necesario tamén pór en marcha programas preventivos para diminuir o impacto das altas temperaturas porque hai días que superamos os 40ºC e se non estamos protexidos as consecuencias na saúde reflíctense en mareos, debilidade, fatiga, e os golpes de calor asocianse en moitos casos a severos problemas multiorgánicos”, indica a concelleira
21 de febreiro de 2025.O Grupo Municipal Popular reitera ao goberno local que adapte a cidade ao cambio climático e protexa á veciñanza das vagas de calor que sofre Ourense na época estival, principalmente á máis vulnerable. Unha solicitude que os populares fixeron en maio do ano pasado no salón plenario e na que agora volven insistir porque a Xunta acaba de anunciar axudas de ata 60.000 euros por concello para levar a cabo proxectos neste ámbito.
“O que permiten estas axudas é aumentar a biodiversidade dos espazos urbanos, plantar novas especies autóctonas, instalar pavimentos naturais para atenuar o efecto ‘illa de calor’, implantar novos espazos abertos, crear xardíns verticais e mellorar os entornos verdes e os paseos fluviais”, explica a edil Inma Moreiras.
Galicia convértese así na primeira comunidade autónoma que conta cun instrumento propio de planificación e actuación para pór en valor os ecosistemas urbanos e mitigar os efectos derivados do quentamento global. “Xa que o Concello non quixo investir cartos o ano pasado para facer fronte ao cambio climático e ás temperaturas extremas, o que lle solicitamos é que aproveite estas axudas que serán moi beneficiosas para os cidadáns”, indica a concelleira.
Os populares instan tamén ao goberno local a que implemente a maiores as outras medidas a curto prazo que propuxo o Partido Popular no pleno do mes de maio. “Ademais destas medidas que agora financia a Xunta, tamén propoñíamos a adaptación de espazos municipais (bibliotecas, salas de exposición ou centros cívicos) e galerías comerciais como refuxios climáticos; a instalación de elementos téxtiles para facer sombra nas rúas peonis e o aumento de fontes de consumo público en toda a cidade”, lembra Inma Moreiras.
Medidas que, tal e como destacan dende o PP da cidade, tamén serían moi beneficiosas para a veciñanza, sinxelas de levar a cabo e de baixo custe. “O que precisamos é unha estratexia integral porque é imprescindible que nos adaptemos ao cambio climático e as temperaturas da época estival. Na nosa cidade hai moitos días nos que alcanzamos os 40ºC, incluso en xullo do ano pasado chegamos a 43ºC, e se non estamos protexidos as consecuencias na saúde reflíctense en mareos, debilidade, fatiga, e os golpes de calor asocianse en moitos casos a severos problemas multiorgánicos”, asegura a edil.
Por último, o grupo municipal popular insiste de novo en que o goberno local solicite canto antes as axudas da Xunta porque é urxente actuar antes de que chegue a época estival.