Noticias
Blog
O Grupo Popular garante que o novo centro de atención a persoas con discapacidade de Ourense prestará un servizo público, especializado, accesible e da mellor calidade
14 de novembro de 2024. A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, garantiu hoxe no Parlamento galego que o Centro de atención a persoas con discapacidade de Ourense “abrirá nos vindeiros meses e prestará un servizo público, especializado, accesible e da mellor calidade”.
Raquel Arias sinalou que “todos deberíamos estar contentos porque, logo de moitas dificultades, os posibles usuarios e as súas familias van contar de xeito inmediato cun servizo punteiro para atender as súas necesidades”.
PRAZAS PÚBLICAS
“Ninguén en Ourense pode ter dúbidas do compromiso da Xunta coa posta en marcha deste novo centro de atención ás persoas con discapacidade, que poñerá a disposición das familias 110 novas prazas de atención diúrna e residencial”, indicou a portavoz popular, quen subliñou que se trata dun centro “da máis alta calidade e no que a totalidade das súas prazas serán públicas”.
Arias lamentou o retraso que viviu a construción deste centro, cuxas obras comezaron no verán de 2020, por un importe de 7,6 millóns de euros, pero que se viron afectadas polos efectos da Covid-19 e pola crise se subministros e o incremento de prezos dos materiais de construción.