Noticias
Blog
Novas Xeracións do PP de Ourense presentan o programa “Escoitando para medrar” co obxectivo de dar voz á mocidade ourensá
• A organización xuvenil popular iniciou o contacto coas agrupacións da provincia cun encontro con NN.XX. da cidade de Ourense, reunión na que se recolleron demandas tales como a dinamización do casco histórico, a mellora das conexións de autobuses entre a estación de ferrocarril e o campus universitario, o aumento das axudas de acceso á vivenda, o fomento do emprego e a formación
• O presidente provincial de NN.XX., Ignacio Campo, remarcou a importancia de escoitar á xente nova e facela partícipe das decisións. "A maneira máis fácil de chegar á mocidade é a través de nós"
• O presidente provincial, Luis Menor, acompañou aos xóvenes nesta primeira reunión destacando que esta iniciativa é "unha mostra de que o PP de Ourense escoita de primeira man as necesidades dun colectivo tan importante como é a xente nova"
18, outubro, 2024. A organización xuvenil do Partido Popular, Novas Xeracións, vén de iniciar unha campaña que, baixo o lema “Escoitando para medrar”, ten como obxectivo dar voz á mocidade ourensá e axudar a que as políticas do partido aborden a realidade deste sector de poboación.
O programa “Escoitando para medrar” inclúe reunións comarcais coas distintas agrupacións de Novas Xeracións ao longo de toda a provincia co fin de coñecer as súas demandas e ofrecer posibles solucións a través do traballo político do PP.
Esta iniciativa comezou cun encontro coa agrupación da cidade de Ourense, reunión na que se recolleron demandas tales como a dinamización do casco histórico, a mellora das conexións de autobuses entre a estación de ferrocarril e o campus universitario, o aumento das axudas de acceso á vivenda, o fomento do emprego e formación.
O presidente provincial de NN.XX., Ignacio Campo, remarcou a importancia de escoitar á xente nova e facela partícipe das decisións. “A maneira máis fácil de chegar á mocidade é a través de nós”, dixo, explicando que este programa procura situar como protagonistas aos xóvenes e reforzar a súa participación no partido.
Na reunión participou o presidente provincial, Luis Menor, quen destacou que esta iniciativa é “unha mostra de que o PP de Ourense é o partido que máis se parece e que máis se quere parecer a todos os ourensáns, xa que pretende escoitar de primeira man as necesidades dun colectivo tan importante como é a xente nova”. A maiores, salientou que Novas Xeracións ten que ser un dos piares da formación: “Sodes o futuro pero tamén cada día máis o presente”.