Noticias
Blog
Luis Menor preside a constitución das vicesecretarías e comités do PPdeOU cunha chamada a “non perder de vista a realidade que nos rodea”
• A formación popular continúa o seu proceso de organización coa posta en marcha destas seccións, “que sempre estarán abertas á incorporación de persoas que desexen aportar novas ideas e traballo”, dixo o presidente provincial
• O novo organigrama do partido, engadiu Menor, ten como finalidade última deseñar liñas de accións en todos os ámbitos “que permitan ofrecer aos ourensáns da provincia unha resposta axeitada ás súas cambiantes necesidades, sen partidismos e só pensando no benestar das xentes e o futuro da provincia”
10, setembro, 2024. O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, presidiu esta tarde a constitución das 13 vicesecretarías e 9 Comités de Traballo que conforman parte do organigrama da formación popular, cuxos representantes foron elixidos no congreso provincial extraordinario celebrado o pasado mes de xullo.
![]() |
Logo da constitución, á súa vez, do Comité Executivo, o PPdeOU continúa o seu proceso de organización coa posta en marcha destas seccións, “que sempre estarán abertas á incorporación de persoas que desexen aportar novas ideas e traballo”, dixo Luis Menor na xuntanza.
O presidente provincial apelou ao compromiso adquirido polos titulares das vicesecretarías e comités para “non perder de vista a realidade que nos rodea”, un obxectivo que para Luis Menor pasa por tres premisas: “apego ao territorio, proximidade á veciñanza e moita escoita”.
O novo organigrama do partido, engadiu o presidente, ten como finalidade última deseñar liñas de accións en todos os ámbitos “que permitan ofrecer aos ourensáns da provincia unha resposta axeitada ás súas cambiantes necesidades, sen partidismos e só pensando no benestar das xentes e o futuro da provincia”.
Na reunión desta tarde quedaron formalmente constituídas as vicesecretarías de Organización; Igualdade; Mobilización e atención ao afiliado; Emigración; Coordinación territorial (con representantes de todas as comarcas); Termalismo; Turismo; Educación; Sanidade; Servizos sociais; Medio rural; Deporte; e Xuventude.
Polo que respecta ao comités, estes son os de Política Municipal; Emprego e Comercio; Relacións Institucionais e Interparlamentarias; Industria e Minaría; Reto Demográfico; Xurídico; Portavoces; e Veteranos. O Comité Electoral non entrou nesta convocatoria dado que as súas funcións e tempos están cinguidos aos procesos electorais.
POSTA EN MARCHA DE 14 ÁREAS
A sede provincial dos populares acollerá o próximo xoves unha nova reunión, desta volta para a posta en marcha das 15 áreas de traballo que tamén forman parte do novo organigrama da formación ourensá.
Para ese día están convocados os responsables de Medio Ambiente; Política Europea; Infraestruturas; Cultura; Xustiza; Vivenda; Formación, Estudos e Programas; Cooperación Transfronteiriza; Innovación e Novas Tecnoloxías; Comunicación; Redes Sociais; Seguridade; Emerxencias; e Organización de actos.