Noticias
Blog
Luis Menor confía en Sandra Quintas para a Secretaría Xeral do Partido Popular de Ourense
• É a “persoa idónea” para o segundo posto en responsabilidade do PPdeOU, dixo o candidato á presidencia do partido, lembrando que ocupou a secretaría da xestora provincial desde a súa constitución, en novembro pasado, e dirixiu as campañas electorais das autonómicas e as europeas
6, xullo, 2024. O candidato á presidencia do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, proporá ao plenario do 19º Congreso provincial extraordinario do próximo 13 de xullo o nomeamento de Sandra Quintas, alcaldesa de Bande e directora territorial de Cultura, Lingua e Xuventude, como nova secretaria xeral dos populares ourensáns.
Sandra Quintas é a “persoa idónea” para o segundo posto en responsabilidade do PPdeOU, dixo hoxe Luis Menor tras facer público este anuncio, lembrando que ocupou a secretaría da xestora provincial desde a súa constitución, en novembro pasado, e dirixiu as campañas electorais das autonómicas e as europeas, nas que conseguimos grandes resultados”.
O candidato destacou “a inmensa capacidade de traballo” de Sandra Quintas, engadindo entre as súas principais características “unha visión moi ampla do partido, o coñecemento que ten dos representantes populares que ocupan postos de responsabilidade por toda a provincia, e a súa experiencia na administración galega”. Ademais, a súa condición de alcaldesa “aporta ese carácter municipalista que é base de todo o partido”.
Agradecida pola proposta, Sandra Quintas afirmou que seguirá traballando coa mesma intensidade para consolidar o PPdeOU como “o partido de Ourense, un obxectivo para o que imos ter a un gran presidente”.
MESTRA, DIRECTORA TERRITORIAL E ALCALDESA
Diplomada en Maxisterio e licenciada en Psicopedagoxía, Sandra Quintas (Bande, 1982) é funcionaria de carreira da Xunta de Galicia do corpo de mestres, impartindo docencia desde 2007 e ata 2019 en diferentes centros educativos da provincia.
Achegouse á administración galega no 2019, cando foi nomeada xefa territorial de Cultura e Turismo, cargo que ocuparía ata o seguinte ano, cando pasou a ser xefa do Servizo de Coordinación Cultural. Na actualidade é directora territorial en Ourense da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Comezou a súa traxectoria política en 2015 como concelleira en Bande, accedendo á alcaldía cinco anos despois, en 2020, sendo unha militante activa tanto no seu municipio como na comarca da baixa Limia e a nivel provincial.