Noticias
Blog
Luis Menor advirte que Europa é moito máis ca un Parlamento e fondos de desenvolvemento: “tamén é un inmenso mercado para promocionar os produtos de calidade da comarca de Trives”
• Nun mitin comarcal celebrado hoxe en Trives, o líder popular citou a viticultura, gandería en extensivo ou mel como algunhas das producións que teñen cabida nos mercados exteriores da UE, engadindo outros ámbitos que tamén teñen capacidade de atractivo en Europa como o turismo a través da Ribeira Sacra ou da estación de montaña de Manzaneda
• En clave política, Menor apostou por dar “unha lección de convivencia, moderación e respecto aos dereitos e igualdade, e para iso cómpre obter un resultado tan contundente como o das eleccións autonómicas, co apoio do 50% do electorado”
5, xuño, 2024. O presidente provincial do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, advertiu hoxe que Europa é moito máis ca un Parlamento e o reparto de fondos de desenvolvemento. “Tamén é un inmenso mercado de case 450 millóns de persoas no que promocionar os produtos de calidade da comarca de Trives”.
Nun mitin celebrado na Pobra de Trives, con motivo das Eleccións Europeas do próximo domingo, Luis Menor incidiu na necesidade de contar en Europa “cunha ampla representación dun partido de goberno como o PP, comprometido no impulso de medidas que favorezan o dinamismo económico”.
A viticultura, gandería en extensivo ou mel foron algunhas das producións citadas polo líder popular á hora de falar da apertura cara novos mercados exteriores, engadindo outros ámbitos que tamén teñen capacidade de atractivo en Europa como o turismo a través da Ribeira Sacra ou da estación de montaña de Manzaneda.
En clave política, Luis Menor chamou á mobilización dos representantes públicos e militancia popular na comarca para dar “unha resposta contundente ao continuo desafío que fai Sánchez contra os nosos dereitos e liberdades”. A situación actual do país ten a súa orixe nos inquilinos da Moncloa, dixo, “e as decisións que alí toman están a prexudicar gravemente a todos, e a comarca de Trives e os seus habitantes non son unha excepción”.
Na provincia de Ourense, reclamou Menor, “temos que dar unha lección de convivencia, moderación e respecto aos dereitos e igualdade, e para iso cómpre obter un resultado tan contundente como o das eleccións autonómicas, co apoio do 50 % do electorado”.