Noticias
Blog
Luis Menor pide “máxima concentración” ante unha nova cita coas urnas para dicirlle alto e claro a Europa que “queremos gobernos serios e que respecten o Estado de Dereito”
● “Non nos despistemos”, subliñou o presidente provincial nun encontro do comité comarcal de Celanova con motivo das Eleccións Europeas do 9 de xuño. “Se gaña Sánchez e os seus socios, perdemos todos”. O Partido Popular, dixo, “sempre sae a gañar, mentres outros só procuran estar, sen importarlles os problemas e necesidades dos cidadáns”
● Pediu a mobilización do partido, “unha vez máis”, para demostrar que o PP de Ourense segue medrando en apoio, “como hai case catro meses, cando fixemos presidente a Alfonso Rueda e seguimos poñendo sentidiño en Galicia”
27, maio, 2024. O líder dos populares ourensáns, Luis Menor, pediu hoxe en Celanova “máxima concentración” ante a nova cita coas urnas do próximo 9 de xuño con motivo das eleccións ao Parlamento Europeo. Unha ocasión máis para dicirlle a Europa, alto e claro, “que queremos gobernos serios e que respecten o Estado de Dereito”.
Luis Menor mantivo en Celanova un encontro cos membros do comité comarcal e militantes desta zona da provincia para explicar a importancia dunhas eleccións nas que “o voso voto é a resposta da cidadanía que aposta pola convivencia, e iso é tan importante a nivel de Estado como en calquera concello”.
Nesta liña advertiu que “non podemos estar de costas a Europa”, xa que as políticas que se desenvolven en Bruxelas nos afectan a todos e en todos os ámbitos, como o agrario, o forestal, nos servizos sociais ou nas infraestruturas.
“Non nos despistemos”, subliñou o presidente provincial, “pois se gaña Sánchez e os seus socios, perdemos todos”. O Partido Popular, dixo, “sempre sae a gañar, mentres outros só procuran estar, sen importarlles os problemas e necesidades dos cidadáns”.
Luis Menor pediu a mobilización do partido, “unha vez máis”, para demostrar que o PP de Ourense segue medrando en apoio, “como hai case catro meses, cando fixemos presidente a Alfonso Rueda e seguimos poñendo sentidiño en Galicia”. Unhas eleccións, as autonómicas, “coas que enviamos un mensaxe moi claro a toda España: o traballo, a estabilidade e o rigor trunfan por riba dos populismos e o desgoberno”.