Noticias
Blog
O candidato Adrián Vázquez cualifica ao Goberno central como “un tapón entre a UE e Galicia para a chegada dos fondos europeos”
● Na súa intervención, Adrián Vázquez expuxo sete puntos nos que será preciso incidir para unha próxima etapa en Europa: acabar coa “xestión máis centralizada e absolutista” dos fondos europeos que fai Sánchez; incentivos fiscais para executar con axilidade estes fondos; transparencia na xestión dos fondos para que cheguen á economía real; tolerancia cero coa corrupción; prioridade dos fondos para facilitar a competitividade das empresas; reformas en educación, sanidade, emprego, vivenda, dixitalización, industria e fiscalidade; e o respecto ao Estado de Dereito
● O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, lembrou que Galicia brinda distintos apoios ás persoas emprendedoras “porque emprender é construír e queremos que Galicia siga medrando”. O PP, engadiu, seguirá a traballar “para que o motor emprendedor de Galicia siga a pleno rendemento, da man das novas xeracións” e “porque queremos máis Galicia en Europa”
25, maio, 2024. O candidato ao Parlamento Europeo polo Partido Popular, Adrián Vázquez, asegurou hoxe que o Goberno central é “un tapón entre a UE e Galicia para a chegada dos fondos europeos”. O representante popular realizou esta afirmación nun encontro sobre emprendemento celebrado en Ourense, no que tamén participou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.
Na súa intervención, Adrián Vázquez expuxo sete puntos nos que será preciso incidir para unha próxima etapa en Europa. Así, en primeiro lugar, afirmou que non ten sentido que o Estado máis descentralizado da UE “faga a xestión máis centralizada e absolutista dos fondos europeos”. Nesta liña esixiu a convocatoria inmediata da Conferencia Sectorial; avogou pola participación activa dos gobernos autonómicos, a FEMP e a iniciativa privada no redeseño dos plans e estratexias, así como das grandes liñas de investimento. Apostou ademais polos PERTEs territorializados e investimentos tendo en conta as características de cada rexión, “que mellor que ninguén coñecen as necesidades do seu tecido produtivo”.
No ámbito fiscal lembrou que o programa do PP inclúe como propostas as baixadas de impostos, os incentivos fiscais, as bonificacións e as deducións “como un modo de executar con rapidez e axilidade os fondos, tendo un impacto directo e inmediato na economía”.
Tamén se mostrou partidario dunha total transparencia na xestión dos fondos para que cheguen á economía real, “cunha análise e avaliación obxectiva da xestión destes fondos”, xunto á tolerancia cero coa corrupción: “Os socialistas non poden seguir danando a imaxe de España ao utilizar fondos europeos en casos de corrupción e comisións ilegais”. Neste sentido aseguro que o PP colaborará co Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e os órganos de control e fiscalización das institucións europeas, “fronte ás trabas e as mentiras do Goberno de Sánchez”.
Para Adrián Vázquez, a prioridade destes fondos “non é engordar o sector público, senón axudar ás pemes e facilitar que as empresas sexan máis competitivas”, por iso tamén instou a unha simplificación dos procesos burocráticos “que se converteron en barreiras para o acceso das pemes ao financiamento”.
“Fronte ao malgasto e a irresponsabilidade do Goberno de Sánchez”, dixo, serán precisas reformas en educación, sanidade, emprego, vivenda, dixitalización, industria e fiscalidade, “que axuden a este país para ser máis competitivo e que faciliten a verdadeira transformación que necesitamos”.
Sánchez, lamentou, xoga co Estado de Dereito “coma se non pasase nada, non se dá conta que a UE dispón de mecanismos para cortar os fondos, e a amnistía tamén é un problema económico”.
JOSÉ GONZÁLEZ: “AS PERSOAS EMPRENDEDORAS CONSTRÚEN GALICIA E O FUTURO”
Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou o esforzo e constancia das persoas emprendedoras e da xente nova que “contribúen a construír Galicia e o futuro”. Ademais salientou a aposta do Partido Popular por este colectivo e agradeceu a presenza do candidato ás eleccións no Parlamento Europeo, Adrián Vázquez, á vez que recoñeceu a súa experiencia en Bruxelas.
Galicia, lembrou, brinda distintos apoios ás persoas emprendedoras “porque emprender é construír e queremos que Galicia siga medrando”. Entre as axudas citou a cota cero para novas altas, que aínda ten o prazo aberto e que está incluída nos case 30 millóns de euros en axudas para os primeiros gastos de inicio de actividade, e a estratexia na que está a traballar o Goberno galego para estimular a competitividade deste colectivo.
José González referiuse a outras ferramentas de impulso como son: a rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que leva atendido arredor de 1.900 iniciativas en toda Galicia; o Mapa de emprendemento online para facilitar o desenvolvemento de novas iniciativas; ou as guías de utilidade para poñer en marcha e xestionar un negocio.
Todo isto, incidiu, para fomentar a creación de empresas e a xeración de emprego e riqueza que redunde no progreso de Galicia. Nesta dirección seguirá traballando o Partido Popular, “para que o motor emprendedor de Galicia siga a pleno rendemento, da man das novas xeracións” e “porque queremos máis Galicia en Europa”, manifestou.