Noticias
Blog
O grupo provincial popular esixirá ao Goberno de España que todos os fogares teñan conexión de fibra óptica no 2024
● A secretaria da xestora provincial e alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, compareceu esta mañá xunto á portavoz popular na Deputación, Patricia Torres, e o alcalde de Baños de Molgas, Manuel Ángel Fernández Movilla, para denunciar que un de cada tres fogares segue sen ter conectividade por este medio, cando xa debería estar instalada no 100% deles
● Sandra Quintas explicou que “o Goberno comprometeuse a que todos os fogares do rural contasen con Internet para 2024, pero a estas alturas do ano os datos reflicten un total incumprimento”
● Os populares demandarán do Executivo unha actuación urxente que solucione esta problemática. Defenderán unha moción nos plenos municipais de cada concello e na Deputación
23, maio, 2024. O Partido Popular de Ourense denuncia os incumprimentos do Goberno de España en relación á instalación de fibra óptica nas zonas rurais de Ourense. A secretaria da xestora provincial e alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, xunto á portavoz popular na Deputación e alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e o alcalde de Baños de Molgas, Manuel Ángel Fernández Movilla, compareceu esta mañá na sede central do partido para denunciar que un de cada tres fogares segue sen ter conectividade a internet por este medio, cando xa debería estar instalado no 100% deles.
“O Goberno comprometeuse a que todos os fogares do rural contasen con fibra óptica para 2024, pero a estas alturas do ano os datos reflicten un total incumprimento”, lembrou Sandra Quintas. Ademais da falta de conectividade, a secretaria da xestora provincial, asegurou que “hai que sumar tamén os centos de incidencias que denuncia a veciñanza porque os instaladores non lle poden dar servizo a internet, xa que moitas caixas de conexión instaláronse en lugares que o fan tecnicamente inviable”.
Neste senso, a alcaldesa de Bande, destacou que a súa vez existe un grave problema co mantemento e resolución de incidencias. Despois das instalacións non se realizan as limpezas necesarias da biomasa nos tendidos de fibra óptica, provocando que en cada temporal de vento, chuvia ou neve a caída de polas de árbores sobre os cables ocasione cortes de liña. Así, criticou, “moitas veces deixan sen servizo durante días a poboacións enteiras”. Ademais, indicou, “sería necesaria unha redundancia da rede troncal, para evitar a perda de servizo en caso de avaria ou mantemento”.
Pola súa banda, Patricia Torres puxo de manifesto que “a día de hoxe hai moito teletraballo e moita xente que necesita conexión, e hai moitos concellos que en 2024 non teñen nin un 20% de conectividade”. Segundo a portavoz popular na Deputación, isto débese a “unha mala planificación á hora de colocar as caixas de conexión e de cumprir as datas”. “Se hai que potencia o rural ten que ser con feitos e non con palabras”, sentenciou.
Na mesma liña, o alcalde de Baños de Molgas lamentou que “o rural siga xogando en clara desvantaxe”. De feito, o popular asegurou que en concellos como o de Baño de Molgas, “hai persoas que teñen que marchar a vivir a outro lado porque precisan de internet para traballar”.
Como consecuencia, os representantes populares avanzaron a presentación dunha moción en todos os municipios da provincia e na Deputación para instar ao propio Goberno de España a unha actuación urxente que dea solución a este agravio. “Ímoslle esixir que facilite unha cronoloxía das actuacións, que informe cando ten previsto chegar a cubrir as zonas escuras na provincia de Ourense, que informe que ámbito territorial está previsto cubrir coa última convocatoria de axudas e que habilite un sistema de reclamacións para os cidadáns”, concluíu Sandra Quintas.