Noticias
Blog
Alfonso Rueda: “Pacto cos galegos para gañar de forma maioritaria e seguir facendo da política algo serio, baseado no rigor e na xestión”
● “Todo o que prometemos podemos facelo porque está experimentado, medido e podemos pagalo porque fixemos unha xestión con sentidiño”, reivindica o presidente e candidato do PPdeG
● Lembra que a nosa Comunidade foi pioneira coa gratuidade universal da educación infantil, co transporte público gratuíto para menores de 21 e maiores de 65 anos ou proximamente a matrícula universitaria gratis
● Asegura que non quere para Galicia nin servilismos nin independentismos radicais: “Estas eleccións son tamén para dicir alto e claro que imos tolerar o que quere facer o socialismo coa complicidade do BNG”
2 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, insistiu hoxe nun mitin en San Cibrao das Viñas no seu compromiso de pactar coa xente á que lle pide o voto, lonxe de chantaxes, con humildade pero con fortaleza e para que Galicia siga sendo unha terra orgullosa, solidaria e que “aparte de rodar ten que seguir funcionando”.
“Eu veño á provincia que sempre foi un apoio fundamental para o noso partido e na que se sustentaron as nosas maiorías para volver pedir o voso apoio”, apelou o líder dos populares galegos a unha audiencia á que comprometeu feitos e cumprimentos. Do cal da boa proba o seu propio programa electoral e as máis de 870 medidas incluídas nel: “Todo o que prometemos podemos facelo porque está experimentado, medido e podemos pagalo porque fixemos unha xestión con sentidiño”.
“Eu non estou esperando a xuntarme con uns que xa saben que van a perder, nin esperando a que a outros lle falten os votos. Eu só pacto cos galegos para gañar de forma maioritaria e seguir facendo da política algo serio, baseado no rigor e na xestión”, explicou contrapoñendo isto ao que xa aconteceu hai anos e que non quere que volva repetirse porque suporía que “Galicia perde”.
Aspira así a revalidar a confianza da maioría dos galegos o 18 de febreiro, entre outras cousas, para seguir tendo moito do que presumir. Recordando neste sentido que a nosa Comunidade foi pioneira coa gratuidade universal da educación infantil, co transporte público gratuíto para menores de 21 e maiores de 65 anos ou proximamente a matrícula universitaria gratis.
Unha Galicia referente pero que, tal e como subliñou o presidente, tamén ten que seguir sendo amable cara o resto de territorios e, consciente e orgullosa da súa gran identidade propia, seguir sentíndose parte de España.
E xa en clave nacional, non dubidou en afirmar que “mellor lle iría ao resto de España se a política nacional se parecese máis á política que se fai en Galicia”. En consecuencia, Rueda ten claro que non quere nin servilismos nin independentismos radicais: “Estas eleccións son tamén para dicir alto e claro que Galicia non vai tolerar o que quere facer o socialismo coa complicidade do BNG”.
Puxo como exemplo disto o que acontece nos dous tramos da autopista Santiago-Ourense: “No de competencia autonómica, os usuarios non pagan porque é o Goberno galego quen asume o custo. No que depende do Goberno central, hai que pagar porque non lle da a gana de facer o que facemos nós”.
ELENA RIVO DESTACA O APOIO DO GOBERNO GALEGO AO EMPRESARIADO
Elena Rivo puxo en valor o Concello de San Cibrao das Viñas e o limítrofe de Pereiro de Aguiar, que acollen unha das áreas empresariais máis importantes de Galicia “como motor que dá pulo á nosa economía, un orgullo para os que somos testemuñas da evolución e da revolución dos nosos sectores produtivos e do éxito da nosa aposta pola innovación tecnolóxica”.
Expresou así mesmo a súa disposición a colaborar “alí onde precisedes, na formación laboral, no emprendemento, nas axudas a autónomos ou na mellora dos equipamentos e das infraestruturas empresarias”.
Neste sentido lembrou o compromiso de Alfonso Rueda co empresariado desta área, co investimento de máis de 83 millóns de euros na súa ampliación, ademais de crear un aparcadoiro seguro para camións no polígono de San Cibrao, “porque queremos seguridade para os nosos transportistas”.
Puxo especial atención nas mulleres transportistas, para as que desexou que San Cibrao das Viñas sexa “un exemplo en igualdade laboral, onde as mulleres non atopen portas pechadas, onde poidan vivir e traballar como os homes, cobrar como os homes e desenvolverse profesionalmente como os homes”.