Noticias
Blog
Alfonso Rueda considera que a candidatura do PP de Ourense é un exemplo de renovación desde a estabilidade e a tranquilidade
15 de xaneiro de 2024. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, considera que a candidatura do PP de Ourense ás eleccións autonómicas do próximo 18 de febreiro é un exemplo de que é posible renovar desde a tranquilidade e mantendo a estabilidade e fai extrapolable ese modelo ao conxunto de Galicia.
Ante a Xunta Xestora Provincial do partido, o líder dos populares galegos transmitiu a súa intención de aportar, precisamente, tranquilidade e estabilidade a todos os galegos e galegas e así “illar” Galicia de toda a confrontación estéril que se instalou na política nacional e que o multipartito da oposición pretende estender a Galicia.
Na súa intervención, Luis Menor remarcou os piares nos que se basea a candidatura ourensá presentada hoxe para as eleccións galegas: a renovación, con 12 novas incorporacións dun total de 19 persoas; a representación territorial, coa práctica totalidade das comarcas da provincia presentes na lista; e a presenza de persoas que ata agora xogaron un importante papel no ámbito autonómico.
“Hai moitas persoas máis que tamén poderían participar nunha candidatura”, dixo o líder dos populares de Ourense, “pero cada proceso electoral ten a súa estratexia e nomes que entendemos máis idóneos”. Os candidatos, engadiu, “xa saben que teñen que dar todo de si”, pedindo tamén ao resto de cargos e afiliados “toda o apoio aos membros da lista para que podan transmitir a proposta de goberno de Alfonso Rueda e lograr a súa primeira maioría absoluta”.
Luis Menor tamén fixo balance da actividade desenvolvida polas xestoras local e provincial desde o pasado mes de novembro, coa ampliación dos membros en ambos casos ou as reunións comarcais que se están a celebrar. Unha ampla e intensa axenda de encontros e contactos nos que, subliñou Menor, “pedín mobilizar por todo o territorio a ese batallón de sentidiño que representa o Partido Popular, reclamei contundencia, partido e máis partido, intensidade, mesturar veteranía e mocidade, e seriedade fronte ás ocorrencias; pero sobre todo non ceder bandeiras na defensa de Ourense, porque se alguén vai reivindicar a Ourense ese é o PP”.