Noticias
Blog
Manuel Baltar: “O domingo, cada voto é imprescindible para gañar un bo Goberno, liderado polo ourensán Alberto Núñez Feijóo”
A cabeza de lista ao Congreso, Ana Belén Vázquez, insistiu na importancia de concentrar o voto no PP para “abrir un novo ciclo político, romper cos bloqueos e avanzar no futuro de Ourense”
23,xullo,2023
• Na súa intervención desta tarde en Ribadavia, o líder provincial do PPdeOU remarcou a importancia dos comicios deste domingo: “Quedan 48 horas para o gran cambio. Por iso, cada voto é imprescindible para gañar un bo goberno, liderado polo ourensán Alberto Núñez Feijóo”
• “Hoxe rematamos unha campaña na que quedou perfectamente acreditada as gañas de cambio da sociedade. Agora toca transformar esa gran corrente de ilusión en votos, para certificar nas urnas unha ampla maioría do Partido Popular”
• “Este domingo so hai unha papeleta que garanta un Goberno sólido e solvente. Este domingo so hai una opción para blindar un goberno enfocado nas maiorías. Este domingo so hai unha posibilidade para recuperar a concordia e a lealdade institucional. É a papeleta do Partido Popular, a única ferramenta para superar esta política de bloques e volver a ter un Goberno á altura de España”, destacou Manuel Baltar
• “Día a día percibimos esta gran mobilización. Queda o último paso, votar dun xeito maioritario para construír unha gran vitoria do Partido Popular e comezar unha nova etapa”
• “En Ourense coñecemos perfectamente a Alberto Núñez Feijóo. Despois de cinco anos de ‘sanchismo’, el suporá recuperar a seriedade e a previsibilidade, desterrar as ocorrencias e apostar pola política de verdade”
• O líder provincial do PPdeOU insistiu no obxectivo de acadar o terceiro deputado: “O 3-1 simbolizará a gran vitoria de Feijóo. É fundamental acadar ese terceiro deputado, e para iso traballamos nunha campaña que acreditou unha vez máis o músculo do PPdeOU_ e a capacidade mobilizadora do próximo presidente do Goberno”
ANA BELÉN VÁZQUEZ: “FRONTE A UN SÁNCHEZ QUE SEMPRE DEU AS COSTAS A OURENSE, FEIJÓO É UNHA GARANTÍA PARA O FUTURO DESTA PROVINCIA”
• Na súa intervención, a cabeza de lista do PP ao Congreso, Ana Belén Vázquez, insistiu na importancia de concentrar o voto no Partido Popular para “abrir un novo ciclo político, romper cos bloqueos e avanzar no futuro de Ourense”
• Nesta liña, a candidata lembrou a “montaña de incumprimentos” de Pedro Sánchez con Ourense, con “agravios tan sangrantes como esquecerse da A-76 e a A-56, negarse a rebaixar a peaxe da AP-53 ou destruír a vertebración ferroviaria do interior da provincia de Ourense”
• “Pedro Sánchez sempre deu as costas a Ourense”, lamentou a cabeza de lista popular, que enfrontou este “deleixo” co “demostrado compromiso“ de Feijóo con Ourense. “Quen pode ser mellor garante para o futuro da provincia que un ourensán como Alberto Núñez Feijóo na Moncloa?”, preguntouse Ana Belén Vázquez, que destacou o “fondo coñecemento do candidato popular das potencialidades da súa provincia”
• “Cada voto ao Partido Popular é un voto para Ourense. Quedan 48 horas para esquecernos destes últimos cinco anos e comezar a construír o futuro”, resumiu a cabeza de lista popular ao Congreso
• O acto de peche de campaña do PPdeOU tamén contou coas intervencións da cabeza de lista ao Senado por Ourense, Carmen Leyte; Jose González, en representación do PPdeG; e o presidente local do PPdeOU, César Fernández