Noticias
Blog
Manuel Baltar: “Este domingo, a papeleta do PP é a única que garante abrir un novo ciclo político, e ademais cun ourensán como presidente do Goberno”
A cabeza de lista ao Congreso, Ana Belén Vázquez, pediu esta tarde o voto a “todos os ourensáns, xa sexan votantes do Partido Popular ou desencantados do PSOE, que queren derogar o ‘sanchismo’, rematar con estes cinco anos de desgoberno e comezar unha nova etapa en España”
19, xullo, 2023
• Na súa intervención desta tarde en Ourense, o líder provincial do PPdeOU remarcou a importancia dos comicios deste domingo: “Quedan catro días para o cambio. Cada voto é fundamental, porque nestas eleccións xogámonos moito. Porque un ourensán será próximo presidente do Goberno e porque o país necesita un novo rumbo. Por iso, este é un momento decisivo”
• ”Este domingo, a papeleta do Partido Popular é a única que garante rematar co ‘sanchismo’ e abrir un novo ciclo político”, destacou Manuel Baltar no mitin, celebrado esta tarde no Campo da Feira de Ourense
• “Despois destes cinco anos de desgoberno, o PP volve a ser, unha vez máis, a ferramenta da transformación, a ferramenta do cambio tranquilo, a seriedade e a rigorosidade. Este é o mellor proxecto, e contamos co mellor candidato posible: Alberto Núñez Feijóo”
• “Alberto Núñez Feijóo non necesita presentación. Os galegos premiamos con catro maiorías absolutas consecutivas o seu xeito de gobernar, a súa forma de entender a política e o servizo público. E agora, estes son os mellores avais para a súa candidatura, que o 23 de xullo acadará unha ampla maioría nas urnas”, avanzou Manuel Baltar
• O líder provincial do PPdeOU volveu a insistir na importancia de conseguir o terceiro deputado por Ourense: “O domingo, esta provincia apoiará dun xeito maioritario ao Partido Popular. E ese 3-1 simbolizará a gran vitoria electoral, un obxectivo para o que estamos a traballar cada día apoiados no músculo do PPdeOU e coa mobilización extra proporcionada no noso territorio polo propio perfil do ourensán Alberto Núñez Feijóo”
• “Vamos a gañar, vamos a gobernar e vamos a cambiar as cousas para facer de España un país mellor”, concluíu Manuel Baltar
ANA BELÉN VÁZQUEZ: “CON FEIJÓO, O PP CUMPRIRÁ CUNHA DÉBEDA HISTÓRICA, BAIXANDO O IVE DAS PERRUQUERÍAS DO 21 AO 10%”
• Pola súa banda, a cabeza de lista do PP ao Congreso por Ourense, Ana Belén Vázquez, pediu o voto “a todos ourensáns, xa sexan votantes do Partido Popular ou socialistas desencantados de Sánchez, que queren rematar co ‘sanchismo’ e con todo ese despilfarro de ministros, altos cargos e asesores. E comezar entre todos unha nova etapa en España”
• “Rebaixaremos o IRPF para as persoas con rentas anuais menores de 40.000 euros. E por suposto, axudaremos ás familias que o está pasando realmente mal coas subas das hipotecas e dos prezos dos alimentos básicos. Baixaremos o IVA da carne, o pescado e as conservas”, recalcou na súa intervención Ana Belén Vázquez
• “O Partido Popular cumprirá cunha débeda histórica. Baixaremos o IVE para as perruquerías, do 21 ao 10%. Un compromiso que tiñamos, que solicitamos na oposición en numerosas ocasións ante as negativas do PSOE, e que Feijóo cumprirá, co apoio dos ourensáns, a partir do 23 de xullo”
• A candidata popular lembrou as repercusións dos “desleixos” do PSOE con Ourense, “abandonando proxectos fundamentais como a A-56 e a A-76 ou postergando a estación intermodal”. Cada proxecto dependente do Goberno, explicou, sufriu nestes cinco anos “demoras inxustificables, como se pode apreciar no saneamento do río Barbaña”, mentres que en paralelo asistíamos “á desvertebración ferroviaria do interior da nosa provincia”
• “Ourense quedou esquecida nun caixón para Pedro Sánchez”, lamentou Ana Belén Vázquez, enfrontando este análise co compromiso de Alberto Núñez Feijóo coa provincia: “Ninguén mellor que el pode ser valedor do futuro de Ourense, porque é o futuro presidente de España e coñece perfectamente as necesidades e potencialidades deste territorio. Por iso, cada voto ao Partido Popular é un voto para Ourense”
• O acto electoral celebrado esta tarde no Campo da Feira da capital ourensá tamén contou coas intervencións da cabeza de lista ao Senado por Ourense, Carmen Leyte; Elena Rivo, en representación do PPdeG; e o presidente local do PP, Manuel Cabezas.