Noticias
Blog
Os candidatos ao Congreso e ao Senado reafirman a alianza do PP coa atención aos maiores e a cultura dos coidados
• Os candidatos ourensáns do PP ao Congreso e ao Senado mantiveron esta mañá reunións coas directivas de Afaor e a Fundación San Rosendo
• Estiveron acompañados por Fabiola García, por parte do PPdeG, e Miguel Santalices, encargado dos actos sectoriais do PPdeOU na campaña do 23X
10, xullo, 2023. Os candidatos ourensáns do Partido Popular ao Congreso e ao Senado nas eleccións xerais do 23 de xullo mantiveron esta mañá reunións coas directivas da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor) e a Fundación San Rosendo.
Os candidatos do Partido Popular ao Congreso e ao Senado estiveron acompañados nas dúas xuntanzas por Fabiola García, en representación do PPdeG, e de Miguel Santalices, responsable dos actos sectoriais do PPdeOU na campaña das eleccións xerais.
Os candidatos puideron afondar esta mañá no traballo de Afaor, “unha asociación fundamental no tecido social da provincial”, nun encontro nas instalacións da entidade no que participaron a presidenta de Afaor, María Dolores Neira, xunto á vicepresidenta, Sara Ruiz, a secretaria, Kina Pérez, e o coordinador, Miguel Lázaro. Mentres tanto, na reunión coa Fundación San Rosendo, na que estivo o presidente, José Luis Gavela, puideron coñecer novas iniciativas como o “coliving” para as persoas maiores.
Os populares reafirmaron en ambos encontros o compromiso de Alberto Núñez Feijóo coa atención aos maiores e a cultura dos coidados. “Promoveremos unha oferta de atención social amplia”, explicaron os candidatos, que avanzaron o impulso do futuro goberno do Partido Popular a un novo sistema sociosanitario, ademais de fortalecer a coordinación asistencial entre o sistema social e o sistema sanitario público, a activación dun Plan nacional de atención á fraxilidade sociosanitaria e a “necesidade de seguir avanzando na inclusión e participación social dos maiores na sociedade, ademais de favorecer a creación de máis recursos residenciais para a terceira idade”.