Noticias
Blog
O Comité Executivo do Partido Popular de Ourense aproba o seu orzamento para 2023
• O presidente provincial Manuel Baltar afirma que con este trámite “referendamos o exercicio de transparencia que mantemos, tanto no partido como nas institucións nas que gobernamos”
• Ante os membros da dirección Baltar destacou “a rigorosa xestión que nos permitirá afrontar con solvencia as convocatorias electorais de 2023
• Apela ao esforzo de todos “para conseguir gobernos estables tanto nos concellos como na Deputación que garantan o progreso da provincia”
21, decembro, 2022. O Partido Popular de Ourense contará en 2023 cun orzamento de 310.120 euros, segundo reflicte a proposta económica aprobada polo Comité Executivo da formación, reunido esta tarde na sede provincial baixo a presidencia de Manuel Baltar. “Moito máis que un trámite -afirmou o líder dos populares ourensáns-, pois non só damos luz verde ao soporte económico da nosa actividade política, senón que referendamos o exercicio de transparencia que mantemos, tanto no partido como nas institucións nas que gobernamos”.
![]() |
Ante os membros da dirección provincial, Manuel Baltar destacou “a rigorosa xestión económica” do PP de Ourense, “o que nos permitirá afrontar con solvencia e nas mellores condicións as convocatorias electorais de 2023, tanto as locais como as xerais”. Precisamente ante a próxima cita das eleccións municipais do 28 de maio, o presidente provincial apelou á militancia, cargos do partido e mesmo simpatizantes “para conseguir, co esforzo de todos, gobernos estables tanto nos concellos como na Deputación que garantan o progreso da provincia”.
A contía da que disporá o PP de Ourense para o próximo exercicio procede de diferentes vías, como son as cotas dos afiliados, as achegas dos cargos públicos, dos grupos de representación institucional e das transferencias do PP de Galicia.