Noticias
Blog
Comité Executivo Nacional: Manuel Baltar afirma que as propostas económicas do PP farán que a cidadanía “visualice a alternativa de Feijóo como presidente da nación”
• O líder provincial dos populares valora así o plan fiscal presentado esta mañá polo presidente nacional para devolver ata 10.000 millóns de euros aos cidadáns pola recadación extra da inflación
• A chegada de Feijóo á política nacional “dá un novo rumbo á nosa formación”, dí Baltar, “pero non como partido da oposición senón como partido da alternativa”
• Contrapón as propostas do PP “fronte ao goberno máis caro da democracia, coa maior débeda pública, á cola das estatísticas e sostido por partidos que amparan posicións absolutamente rexeitables”.
20, abril, 2022.
O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, afirma que as últimas propostas de carácter económico presentadas polo PP farán que a cidadanía “visualice a alternativa que todos temos clara e que suporá a presidencia da nación para un ourensán como Alberto Núñez Feijóo”. O líder provincial dos populares valora así o plan fiscal presentado esta mañá no Comité Executivo Nacional polo presidente Feijóo para devolver ata 10.000 millóns de euros aos cidadáns pola recadación extra da inflación.
De esquerda a dereita, Manuel Baltar na compaña do alcalde de Almería, Ramón Fernández Pacheco; a alcaldesa de Teruel, Emma Buj; o alcalde de Córdoba, José María Bellido; e o alcalde de Alacante, Luis Barcala. |
Logo dunha reunión na que tamén se repasou a actividade da formación nas últimas semanas, trala celebración do Congreso de Sevilla, Manuel Baltar sostén que “a chegada de Feijóo á política nacional dá un novo rumbo á nosa formación cun horizonte claro: a presidencia do Goberno”. Un cambio en España da man do Partido Popular “como así din a maioría das enquisas, pero non como partido da oposición senón como partido da alternativa”.
Ante o executivo de Pedro Sánchez e do “todo pola moqueta” contrapón unha proposta seria “fronte ao goberno máis caro da historia da democracia, coa maior débeda pública, á cola de todas as estatísticas, con datos que non son para presumir e sostido por partidos de toda pelaxe que amparan posicións absolutamente rexeitables”.
O presidente dos populares ourensáns defendeu as catro liñas básicas presentadas hoxe por Feijóo para incorporar de xeito inmediato á economía española: a racionalización do gasto burocrático, o redeseño dos fondos europeos; as reformas estruturais para incentivar a actividade e o crecemento; e unha baixada selectiva de impostos, inmediata e temporal para facer fronte ao incremento masivo dos prezos.