Noticias
Blog
José Antonio Feijóo, alcalde de Baltar, presentará querella criminal por calumnias e inxurias contra cargos do PSdeG-PSOE
José Antonio Feijóo, alcalde de Baltar, presentará querella criminal polas calumnias e inxurias pronunciadas con publicidade nestes días contra aqueles que lle imputan a comisión de diferentes delictos e que, dada a súa falsidade, atentan gravemente contra a súa honra.
O PP rexeita absolutamente o espectáculo lamentable protagonizado polos cargos do PSdeG-PSOE Pablo García, María Quintas, Raúl Fernández e José Arcos na rolda de prensa na que compareceron conxuntamente o pasado 25 de abril para, ademais de imputar a comisión de delictos, utilizar expresións como "prácticas mafiosas", "camorra napolitana", "prácticas neonazis", "exterminar al enemigo", "tiro en la nuca"... absolutamente repugnantes, gravísimas e premeditadas, intolerables dende calquera punto de vista, non só político senón tamén penal ou xurídico.
Outros dous candidatos populares nas vindeiras eleccións locais non descartan a presentación das correspondentes querellas criminais, logo da completa análise que os asesores xurídicos dos mesmos están a facer do íntegro contido da rolda de prensa comentada, e das reaccións posteriores á mesma.
O PP lamenta esta deriva irracional de quen actúa con principios tan pouco éticos como o de "difama que algo queda", exemplo dun modo de facer política que consiste en lanzar acusacións gratuítas en vez de plantexar solucións aos problemas dos cidadáns. O PP sostén que a Xustiza non deixará impune comportamentos, actitudes e declaracións inadmisibles, condenables e absolutamente irresponsables.