Noticias
Blog
Os deputados populares por Ourense e Pontevedra instan novamente ao Ministerio de Transportes á urxente reparación do túnel do Folgoso na A-52
• “Non parece xustificable que nun país, líder mundial en construción de infraestruturas, non sexa posible traballar con maior intensidade e aplicar máis medios humanos, materiais, tecnolóxicos e orzamentarios para resolver unha situación de emerxencia como a que se vive pola interrupción da circulación por unha vía estratéxica”, afirma o deputado Celso Delgado.
• “É imprescindible que o ministerio, a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e o novo delegado do Goberno en Galicia asuman a súa responsabilidade en asegurar con urxencia a mobilidade segura dos miles de usuarios desta autovía”, din os deputados.
A Cañiza, 3 de abril de 2021.
Os deputados populares polas provincias de Ourense e Pontevedra, Celso Delgado, Ana Pastor, Diego Calvo e Juan Constenla, visitaron hoxe a localidade pontevedresa da Cañiza na compaña do portavoz municipal do PP, Miguel Domínguez, e concelleiros do seu grupo, para coñecer a situación do tráfico na N-120 ao seu paso polo centro deste núcleo e as afectacións que xeran polo peche do túnel de O Folgoso. A circulación era moi intensa e lenta e sobre todo de camións de gran tonelaxe e de transportes especiais. A deterioración do firme como consecuencia do volume de tráfico soportado era moi evidente e a alteración da vida cotiá na Cañiza patente, por ruídos, contaminación, vibracións, etc.
![]() |
A orixe desta situación está no incendio que o pasado 25 de xaneiro sufriu un camión no interior do túnel, en sentido Ourense,provocando graves danos na infraestrutura. Como consecuencia, o tráfico da A-52 en sentido Madrid fose desviado durante 23 quilómetros a través das estradas nacionais N-559 e N-120, o que representa un incremento dos tempos de viaxe de entre 20 e 30 minutos por desprazamento. Un percorrido por un tramo nun mal estado onde a velocidade media non supera o 60 quilómetros por hora, con numerosos cruces e en tramo urbano, ademais da presenza frecuente de néboa na zona e mesmo de animais.
Como denuncian os empresarios, centos de camións vense atrapados a diario sen alternativa. Os parcheos realizados sobre o pavimento deterióranse moi rapidamente pola intensidade do tráfico e abundan as picadas e danos nas rodas dos vehículos.
Esta grave situación está a ter un efecto moi negativo nas provincias de Pontevedra e de Ourense, afectando á competitividade do sur de Galicia e incidindo moi seriamente no sector de transporte de mercadorías, pois a A-52 é a arteria principal de saída de mercadorías cara a Meseta, ademais de prexudicar ao día a día de múltiples usuarios que utilizaban esta infraestrutura para acudir ao traballo ou para acceder a servizos básicos como a sanidade ou a educación.
Hai que destacar que a autovía das Rías Baixas rexistra en condicións normais un tráfico medio de 16.460 vehículos ao día, intensidade que hoxe viuse reducida polas restricións derivadas da crise sanitaria e a contención da pandemia.
Os deputados pontevedreses e ourensáns do Partido Popular xa promoveron no mes de febreiro varias iniciativas parlamentarias instando ao Goberno a resolver o máis axiña posible a grave situación xerada polo peche dun dos túneles de O Folgoso, demandando ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ( MITMA) a adoptar as medidas de emerxencia que correspondan para ofrecer unha resposta rápida, restablecer a circulación canto antes e evitar o impacto económico e social que se está vivindo no sur de Galicia. O propio Goberno en resposta escrita aos deputados, de data 16 de marzo, avanzaba que”a reapertura podería efectuarse no próximo mes de maio, salvo incidencias que puidesen sobrevir ata entón”
A xuízo dos deputados populares, esta resposta é moi insatisfactoria debido a que "non parece xustificable que nun país que é líder mundial en construción de infraestruturas, non sexa posible traballar con maior intensidade e aplicar máis medios humanos, materiais, tecnolóxicos e orzamentarios para resolver unha situación de emerxencia como a que se vive pola interrupción da circulación por unha vía estratéxica". "É imprescindible -engadiron- que o ministerio, a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e o novo delegado do Goberno en Galicia asuman a súa responsabilidade en asegurar con urxencia a mobilidade segura dos miles de usuarios desta autovía.
Os deputados, que xa rexistraron a comparecencia no Congreso do secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, seguirán insistindo a través de accións parlamentarias para conseguir que este “pesadelo” finalice canto antes.