Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 O Parlamento galego demanda ao Goberno central o mantemento das salas do 091 da Policía Nacional en Lugo e Ourense

Imprimir ppou - 31-Marzo-2021 - 17:27:22 


• “Esta decisión se toma unicamente en base a criterios económicos e supón un novo agravio do Goberno de España a Galicia”, dixo a deputada popular Noelia Pérez

Santiago, 31 de marzo de 2021.-  O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que manteñan as salas do 091 da Policía Nacional nas Comisarías de Ourense e Lugo, así como aumentar os medios humanos e materiais cos que contan estas comisarías provinciais. “Esta decisión se toma unicamente en base a criterios económicos e supón un novo agravio do Goberno central aos moitos que estamos a soportar os galegos desde hai un tempo”, sinalou a deputada popular Noelia Pérez.

Na súa intervención, a deputada popular lembrou que este corpo de seguridade “é un servizo público que contribúe ao benestar e á calidade de vida das persoas, e que ten asignadas, entre outras funcións, o coidado do libre exercicio dos dereitos dos cidadáns, a persecución de delitos e o mantemento da orde pública”. 

SERVIZOS EQUITATIVOS E EQUILIBRADOS

“Os servizos de Policía Nacional teñen que ser prestados de xeito equitativo e equilibrado en todo o territorio galego, e deben atender, sempre que a natureza do servizo o permita, a criterios de descentralización, de xeito que se leven a cabo de modo preferente polos órganos administrativos máis próximos á cidadanía”, indicou.

Noelia Pérez engadiu que “a día de hoxe os axentes que atenden esa sala probablemente teñan menos coñecemento das cidades do que tiñan os axentes que a atendían hai 15 días, sinxelamente porque non son as súas cidades”. “Pérdese a proximidade cos cidadáns e pérdese o coñecemento do rueiro”, apuntou.

A deputada popular avanzou que “imos repetir ata a saciedade que a estandarización e a centralización restan eficiencia e proximidade na urxencia real e nos servizos propios da Policía” e salientou que “a Policía Nacional é unha peza clave do Estado de Dereito, que presta un servizo público que da seguridade e contribúe ao benestar e á calidade de vida das persoas”. 

“Levamos un ano convivindo cunha situación extraordinaria de pandemia mundial e atopámonos en medio dun Ano Santo, que continuará ao longo de 2022, pero ao Goberno de España lle parece o momento adecuado para desmantelar as comisarías de dúas das principais cidades galegas”, lamentou.

ESPERAR SENTADOS POLO GOBERNO CENTRAL

Para rematar, Noelia Pérez afirmou que o Goberno central “antepón criterios económicos á seguridade de veciños, de turistas e peregrinos”, porque “non é só o desmantelamento das comisarías de Lugo e Ourense, senón que a isto súmase que a unidade de policía adscrita á Xunta de Galicia ten unha merma de 113 axentes, en niveis do ano 2003 a pesar de ter máis competencias e funcións na actualidade”. 

“Podemos esperar sentados pola resposta do Goberno central a estas demandas”, dixo a deputada popular, porque “nos orzamentos xerais do Estado deste ano hai cero euros para incrementar efectivos policiais en Galicia, o reforzo das comisarías de Policía das cidades e as comandancias da Garda Civil nos pobos, ou partidas específicas para a celebración do Xacobeo 2021-22”.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: