Noticias
Blog
O PP denuncia a irresponsabilidade do PSOE ao ocupar o salón de plenos poñendo en perigo a saúde de funcionarios e dos deputados
O portavoz do grupo provincial popular e vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, afirma que “esta é unha mostra máis do respecto institucional que o PSOE pedía precisamente hoxe para o seu partido e o seu portavoz, pero que cínicamente non se aplica a si mesmo, ignorando todos os informes que aconsellan a celebración dos órganos colexiados de xeito telemático e incumprindo unha resolución da Presidencia neste sentido; un comportamento neglixente do que esperamos non haxa que lamentar consecuencias sanitarias”.
Ourense, 18, decembro, 2020
O portavoz do grupo provincial popular e vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, denuncia a “manifesta irresponsabilidade” do PSOE ao ocupar esta mañá o salón de plenos da institución provincial -durante o pleno ordinario de decembro-, “poñendo en perigo a saúde dos funcionarios e dos membros do seu propio grupo, ademais de ignorar todos os informes que aconsellan a celebración dos órganos colexiados de xeito telemático e incumprir unha resolución da Presidencia neste sentido”. Un comportamento neglixente, engadiu, “do que esperamos non haxa que lamentar consecuencias sanitarias”.
Plácido Álvarez subliñou que “esta é unha mostra máis do respecto institucional que o PSOE pedía precisamente hoxe para o seu partido e o seu portavoz, pero que cínicamente non se aplica a si mesmo”. Das cinco formacións políticas representadas na corporación provincial, destacou, “só unha, o PSOE, decidiu ocupar o salón plenario adoptando unha decisión imprudente que non constitúe ningún exemplo para a ciudadanía, xusto cando lle estamos a pedir a máxima responsabilidade”.
“Unha actitude insensata que practica de xeito reiterado, citando aos medios de comunicación na entrada do Pazo Provincial -como fixo o pasado mércores día 16- cando todas as comparecencias de prensa desta Deputación fanse por vía telemática”.
Un sistema, lembrou, garantido no ámbito legal a través dun informe da Secretaría Xeral no tocante á celebración de sesións electrónicas dos órganos de goberno, así como tamén respaldado desde o punto de vista técnico polo Área de Transparecencia e Goberno Aberto. Informes, dixo Álvarez, aos que se engade un terceiro do negociado de Saúde Laboral no que se recomendan as reunións de modo telemático mentres continue esta situación.
Precisamente este departamento advirte “do risco e a posibilidade de transmisión do virus, pola propagación de aerosoles nun salón de plenos que non conta cun sistema de ventilación axeitado a esta situación, por non falar do tránsito de persoas por unha zona de traballo de funcionarios e a presenza nalgún momento de ata oito deputados, máis funcionarios, no salón durante máis de catro horas”.
Para o portavoz popular, “esta si que é unha gravísima falta de respecto institucional, mostrando unha actitude totalmente desafiante ao ocupar unha bancada que si deixaron baleira no debate sobre estado da provincia, xusto cando máis se espera dos representantes públicos debido a crise sanitaria, económica e social que sufrimos”.