Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Populares de Ourense e O Bierzo esixen a inclusión nos orzamentos do Estado do 2021 de partidas suficientes para impulsar a construción da A-76

Imprimir ppou - 02-Outubro-2020 - 14:44:54 


• No Barco de Valdeorras, e horas antes en Ponferrada, os representantes populares das provincias de Ourense e León lanzaron hoxe esta mensaxe en senllos actos, nos que reclamaron unhas comunicacións propias do século actual entre as comarcas de ambas as dúas provincias e das comunidades de Galicia e Castela e León, logo de quince anos de espera desde que se deron os primeiros pasos administrativos dun proxecto estratéxico de comunicación para estes territorios, e diante do que cualifican como “maiúsculo desinterese, exasperante desidia e obstáculos deliberados” do Goberno de Sánchez coa autovía.

2, outubro, 2020.

O Partido Popular de Ourense denunciou hoxe “o maiúsculo desinterese, exasperante desidia e obstáculos deliberados” por parte do goberno de Sánchez a calquera actuación que signifique un avance real na construción da autovía A-76 (Ponferrada-Ourense), esixindo ao executivo central que inclúa nos orzamentos xerais do Estado do 2021 partidas económicas suficientes para a licitación, no próximo exercicio, de novos tramos.

  
  
No Barco de Valdeorras, e horas antes en Ponferrada, os representantes populares das provincias de Ourense e León lanzaron hoxe esta mensaxe en senllos actos, nos que reclamaron unhas comunicacións propias do século actual entre as comarcas de ambas as dúas provincias e das comunidades de Galicia e Castela e León, logo de quince anos de espera desde que se deron os primeiros pasos administrativos dun proxecto estratéxico de comunicación para estes territorios.
Tras participar no acto de Ponferrada, na vila valdeorresa déronse cita o deputado popular Celso Delgado e os senadores Miguel Ángel Viso e Carmen Leite, acompañados polo alcalde da Rúa, Álvaro José Fernández, e a portavoz no Concello do Barco, Sabina Aguado. Tamén estaban presentes Carmen González, deputada no Congreso pola provincia de León, e o portavoz do PP no Concello de Ponferrada, Marco Morala.

En nome dos asistentes a este acto, Celso Delgado lembrou que desde o primeiro momento se acordara priorizar as actuacións da A-76 entre as comarcas de Valdeorras e do Bierzo, “onde a estrada N-120 estaba claramente superada pola elevada intensidade do tráfico”.

Con todo, denunciou o deputado popular, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) e, de modo particular a Dirección Xeral de Estradas, “mostrou un maiúsculo desinterese por este proxecto ante a falta de impulso e  dilación nos trámites da autovía”. Aínda máis, dixo, “a Subdirección Xeral de Proxectos do ministerio e o seu titular está a frear en seco de xeito deliberado calquera avance real”.

Celso Delgado advertiu que “esta exasperante desidia e falta de compromiso ministerial non ten relación algunha coa crisis económica derivada da pandemia, senón que as dilacións xa se rexistran desde a moción de censura que levou a Pedro Sánchez á Moncloa, é dicir, desde mediados de 2018”.  A situación económica actual e as prioridades ocasionadas pola Covid-19, abondou, “van prexudicar moitos investimentos xa programados, pero non e de recibo que afecte a aquelas máis necesarias e que levan tanto tempo de espera, como a A-76, sen esquecer que a obra pública é fundamental para o relanzamento da economía, polo que non debemos deixar de licitar actuacións xa maduras”.

O deputado popular ourensán esixiu ao Goberno que inclúa nos orzamentos xerais do Estado para 2021 consignacións suficientes para a licitación, no próximo exercicio,  das obras nos tramos Villamartín de la Abadía-Requejo e A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras. De xeito máis concreto, pediu a urxente conclusión do proxecto de trazado do tramo entre Requejo e A Veiga de Cascallá, que neste mes de outubro cumpre un ano desde que se superou o seu prazo contractual, “mentres o ministerio está a torpedear a actuación da empresa adxudicataria”. 

RECLAMAN RECTIFICACIÓN INMEDIATA DE RENFE  E A REPOSICIÓN DE SERVIZOS EN VALDEORRAS.

Por outra banda, Celso Delgado expresou en nome do Partido Popular “o enorme descontento pola redución e deterioro dos servizos ferroviarios que afectan a Valdeorras, cuxa reposición, unha vez levantadas as restriccións de mobilidade tralo estado de alarma, foron prácticamente inexistentes”.

Delgado, que se fixo eco das queixas dos usuarios do ferrocarril e dos prexuízos que sofren no desenvolvemento das súas actividades profesionais e particulares, criticou a Renfe “por desatender sistemáticamente as demandas dos usuarios, agravadas pola decisión de acabar coa venda presencial e información ao público nas estacións de A Rúa e O Barco de Valdeorras”, polo que esixiu a Renfe e ao ministerio “unha rectificación inmediata na prestación dos servizos ferroviarios nas estación valdeorresas e, en xeral, nas de toda a liña”. 

Para o deputado non serve argumentar como xustificación a diminución da demanda e venda de billetes, preguntándose como se espera captar usuarios se non se lles ofrecen boas frecuencias, horarios axeitados e se lles priva de conexión a otros destinos.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: