Noticias
Blog
Manuel Baltar felicita ao novo alcalde de Castrelo de Miño “que porá en marcha un goberno sólido que conecte coa veciñanza e as adminstracións”
• Trala elección do popular Avelino Pazos no pleno celebrado esta mañá, o presidente provincial do PP tivo palabras de recoñecemento para unha persoa “traballadora, comprometida e que transmite a confianza necesaria para dirixir este proxecto”.
• “Toca poñerse a traballar de xeito urxente e casi desde cero”, destacou, agradecendo o apoio dos dous concelleiros non adscritos que demostraron “non estár na política por figurar senón para traballar polos veciños e veciñas de Castrelo de Miño”.
11, agosto, 2020.
Avelino Pazos “será quen de poñer en marcha un goberno sólido en Castrelo de Miño, para que o concello conecte coa veciñanza, coas administracións e se impoña un modelo de xestión que impulse e aproveite o enorme potencial deste territorio”, afirmou hoxe o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, logo de felicitar ao novo alcalde do concello.
Avelino Pazos (Castrelo de Miño, 1970) foi elixido por maioría como presidente da corporación local no pleno celebrado esta mañá, tras presentar unha proposta alternativa de goberno que, como explicou no seu momento, só ten como obxectivo “devolver a normalidade democrática e institucional que necesita o noso concello logo dun ano de absoluta parálise”.
Manuel Baltar tivo palabras de recoñecemento para unha persoa “traballadora, comprometida e que transmite a confianza necesaria para dirixir este proxecto”, destacando a súa experiencia no ámbito municipal que comezou no ano 2011 como concelleiro.
“Agora toca poñerse a traballar de xeito urxente e casi desde cero”, destacou o presidente provincial, que tamén agradeceu o apoio dos dous concelleiros non adscritos “demostrando que non están na política por figurar senón para traballar polos veciños e veciñas de Castrelo de Miño”.
Para Manuel Baltar “hoxe ábrese un periodo no que a conciliación, a unidade e a cooperación estarán presentes no día a día da xestión local e no que o novo alcalde vai exemplificar o bo facer dos rexedores populares na provincia”.