Noticias
Blog
O PP de Castrelo de Miño declina participar “en circos mediáticos que non contribúen á mellora do concello”
• Diante dunha convocatoria de pleno extraordinario, o portavoz popular, Avelino Pazos, explicou que a decisión do seu grupo baséase na “nula habilidade do alcalde para o diálogo e o acordo”, ao rexeitar que se tratase no pleno ordinario deste xoves o único punto da orde do día de hoxe sobre o pacto antitransfuguismo.
• Pazos cualifica a actitude do alcalde nacionalista como “cortinas de fume para tentar agochar a crítica situación do concello, pois non sei que imos debater cando hai un acordo para actualizar un pacto que data de hai vinte anos e que en 2018 o Tribunal Constitucional deixou sen efecto nunha gran parte do seu contido”.
28, xullo, 2020.
O grupo popular na corporación de Castrelo de Miño decidiu non asistir esta tarde ao pleno extraordinario convocado polo alcalde nacionalista, “pois non queremos participar en circos mediáticos que para nada contribúen á mellora do concello, que é o que realmente precisan os nosos veciños e veciñas”, declaou hai uns minutos o portavoz do PP, Avelino Pazos, coincidindo coa hora de inicio da sesión na que, como único punto da orde do día, figura unha proposta de apoio ao pacto antitransfuguismo.
Pazos explicou que a decisión do grupo popular de Castrelo de Miño baséase na “nula habilidade do alcalde para o diálogo e o acordo”. Repasando o acontecido ata o de agora, o portavoz popular lembrou que a semana pasada o alcalde convocou o luns día 20 este mesmo pleno extraordinario para o día seguinte, martes 21, sesión na que non se debatiu a moción ao rexeitar a maioría do pleno a urxencia do asunto.
“Nós propuximos na comisión informativa do xoves 23 que este tema se debatise no pleno ordinario convocado para este xoves, día 30, comprometéndonos a votar a urxencia da moción se desconvocaba o pleno extraordinario de hoxe -detallou Avelino Pazos- pero o alcalde non aceptou”.
Esta proposta, ademais, evitaría “tirar os cartos da veciñanza noutro pleno carente de sentido”, pois mañá mércores reunirase a Comisión de Seguimento do Pacto Antitransfuguismo despois de dez anos de inactividade. “Non sei que imos debater cando hai un acordo para actualizar un pacto que data de hai vinte anos e que en 2018 o Tribunal Constitucional deixou sen efecto nunha gran parte do seu contido”.
Pazos cualificou a actitude do alcalde nacionalista como “cortinas de fume para tentar agochar a crítica situación do noso concello por culpa da súa inoperancia, e a veciñanza de Castrelo de Miño non merece que se perda nin un minuto máis de traballo por esta terra, sobre todo nun momento no que se nos esixe como representantes do pobo a máxima dedicación para salvaguardar a saúde das persoas e adoptar medidas fonte a crise económica e social”.