Noticias
Blog
Relevo histórico no PP de Coles e o mellor equipo para lograr a Alcaldía nas Municipais
"Estamos ante un relevo histórico no Partido Popular de Coles, e ante a unión da experiencia e da renovación para conformar o mellor equipo que lle devolverá aos veciños de Coles un goberno local eficaz e ilusionante". Con esta contundencia se expresou onte o presidente de honra do PP de Ourense, José Luis Baltar, no acto de presentación de Luis Antonio Iglesias Fernández, como candidato á Alcaldía polo Partido Popular nas vindeiras eleccións municipais.
José Luis Baltar, quen disculpou a ausencia do presidente provincial do PP, Manuel Baltar, por mor da súa inminente paternidade, tivo palabras moi sentidas de agradecemento para Eladio Pérez Moure, o histórico alcalde popular que durante 24 anos levou as rendas do concello, "e que agora, con elegancia, entrega, responsabilidade e ilusión deixa paso para que un novo valor do PP sexa quen de traballar polas veciñas e veciños deste fermoso municipio, para devolverlles ilusión e para facerlles comprender que se poden facer moitas cousas para mellorar os servizos e a calidade de vida dos veciños de Coles".
No acto de presentación do novo candidato, que reuniu a máis de 200 persoas, Eladio Pérez Moure, agradeceu ao Partido Popular o seu apoio ao longo de tantos anos e dixo que "seguirei aí, sempre que me necesitedes, traballando polo que toda a miña vida foi a miña maior responsabilidade: atender aos meus veciños".
O secretario provincial do PP e candidato á Alcaldía de Ourense, Rosendo Fernández, quixo tamén estar presente no acto para afirmar que "como concellos veciños que somos Coles e Ourense, a partir do 22 de maio traballaremos conxuntamente para os intereses dos nosos municipios se complementen", e neste senso destacou que unha das primeiras prioridades para desenvolver conxuntamente "será o servizo de transporte metropolitano para que os veciños de Coles teñan máis facilidades para achegarse á capital e viceversa, algo que nin socialistas nin nacionalistas foron quen de lograr en todo este tempo. Ti desde a Alcaldía de Coles -díxolle ao candidato- e eu desde a Alcaldía de Ourense farémolo posible polo ben dos nosos veciños".
O candidato do PP de Coles, Luis Antonio Iglesias, dixo que chega cun novo equipo "ao que o primeiro que teño que darlle e o meu agradecemento por estar integrado por todos os homes e mulleres que cren neste proxecto Popular para Coles". "Quero que saibades que o alcalde non é unha soa persoa, o alcalde somos todos: os concelleiros, o equipo de traballo, os simpatizantes, afiliados e as veciñas e veciños, porque entre todos temos que demostrar que as cousas en política hai que facelas pensando nos veciños e non no beneficio duns poucos".
Neste senso, Iglesias puxo como exemplo "o pouco que lle importa ao PSOE e ao BNG de Coles temas tan importantes para o crecemento do noso concello como é o Plan Xeral de Urbanismo, que leva 4 anos gardado nun caixón do alcalde. Él prometeu que o ía sacar adiante, e non tiña máis que poñelo en marcha porque xa llo deixara redactado do PP; pero non, é máis fácil gardalo nun caixón e perxudicar así a todos os veciños de Coles".
Luis Antonio Iglesias referiuse tamén ao dano que PSOE e BNG lle fixeron a Coles "duplicando todo no concello: dobre gasto, 2 alcaldes, 2 partidos gobernando... E o peor de todo é que iso non se traduciu en dobre eficacia, senón nunha merma de servizos e nun retroceso para o progreso de Coles, onde temos máis parados que fai catro anos -245 na actualidade- e menos empresas. Iso si: para festas e troula sempre hai; pero a política municipal non é so a promoción propia. Eles confunden a política "populista", que é a que fan, cunha política "popular", que é a que necesitan as veciñas e veciños de Coles".