Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 PP e DO esixirán as demisións de Rodríguez Villarino e o subdelegado do Goberno pola súa actitude destrutiva con autónomos e pemes

Imprimir ppou - 15-Xuño-2020 - 14:24:32 


• Nunha moción conxunta, detallan en 11 puntos as razóns que avalan as peticións de demisión, fundamentalmente polas actuacións dos representantes socialistas “viciadas de partidismo”, cun subdelegado subordinado ás “políticas anti-Ourense”.

• O portavoz do grupo popular e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez, lembrou que no pleno de decembro Villarino foi reprobado “pola súa desprezable práctica política de manipulación, mentira e insulto, algo que nin podíamos imaxinar que se trasladase a un momento como este, cando todos os partidos políticos, sexan do color que sexan, gobernen ou estean na oposición, só deben ter como obxectivo mirar polos cidadáns”.

Ourense, 15 de xuño de 2020.- Os grupos do Partido Popular e Democracia Ourensana pedirán no pleno da Deputación de xuño as demisións de Rafael Rodríguez  Villarino, como portavoz nas corporacións provincial e do Concello de Ourense, e do subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, “pola súa actitude destrutiva, especialmente contra os autónomos e pemes da provincia de Ourense”.  Así consta na moción conxunta rexistrada hoxe e coa que, segundo afirmou o  portavoz do grupo popular e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez, “queremos deixar claro que Ourense non se merece representantes políticos tan sectarios que van en contra dos nosos veciños e veciñas, por puro interese electoral coa soa finalidade de destruír”.

Plácido Álvarez quixo puntualizar que tanto o PP como DO “expresamos o noso máximo respecto ao Partido Socialista, aos seus militantes e electores, pasados, presentes e futuros, pero non imos permitir un xeito de política tan cruel e ruín no que se pon trabas e só se quere torpedear calquera acción do Goberno provincial pensada sempre no interese xeral de Ourense, do seu territorio e dos seus habitantes”.

A moción detalla en 11 puntos as razóns que avalan as peticións de demisión,  fundamentalmente polas actuacións dos representantes socialistas “viciadas de partidismo”, subliña Álvarez. Lembra neste sentido que no pleno extraordinario polo covid-19 celebrado en abril, o grupo socialista non votou a favor da liña de axudas habilitada polo Goberno provincial para autónomos e pemes “sen que en ningún momento chegase a cuestionar a súa legalidade”.

Non obstante, “o señor Villarino comezou a poñer trabas e boicotear calquera medida do Goberno provincial para a reactivación económica, nomeadamente as axudas para autónomos e pemes, aos que nin dedicaron unha soa palabra no documento que a finais de marzo presentaron con quince medidas para facer fronte as consecuencias da pandemia”. Unha estratexia –lembrou-que tamén trasladaron ao Concello de Ourense.

“Lamentablemente non estamos a falar de nada novo –dixo o portavoz popular- pois no pleno de decembro o portavoz socialista foi reprobado pola súa desprezable práctica política de manipulación, mentira e insulto, algo que nin podíamos imaxinar que se trasladase a un momento como este, cando todos os partidos políticos, sexan do color que sexan, gobernen ou estean na oposición, só deben ter como obxectivo mirar polos cidadáns”.

Non comparacer no debate do estado da provincia de 2019, votar en contra da defensa dos aforros dos concellos (nun texto idéntico aprobado por unanimidade na FEMP), non dar o seu apoio á comisión Ourense Futuro para darlle voz á sociedade civil sobre o futuro da provincia, ou aferrarse a cuestións protocolarias para non votar a favor da declaración de loito oficial en Ourense “só pode explicarse por un xeito talibán de facer política e unha deriva errática que está a facer moítisimo, neste caso, aos protagonistas da reactivación económica, como son os autónomos e pemes”.

A esa estratexia, denunciou Plácido Álvarez, sumouse o subdelegado do Goberno, “facendo entre ambos os dous unha utilización partidista das institucións do Estado, ata o punto de ordenar continuas inspeccións no no centro loxístico habilitado pola Deputaión no Paco Paz durante a pandemia e, agora, poñendo en marcha unha revisión da legalidade das axudas para autónomos e pemes”. 

Unha subordinación a políticas “anti-Ourense” con total falta de transparencia, denunciou o portavoz do grupo provincial do PP,  “posto que non nos dan trámite de vista e audiencia ao expediente de revisión e descoñecemos quen está detrás desta manobra”.

Ourense, concluíu, “non merece contar con representantes políticos tan torticeiros e indignos que xogan coa xente e, como en política non vale todo, imos dar a coñecer polo miúdo todos estes feitos”, polo que trasladarán a moción e o seu acordo ao do presidente do Goberno de España; alcaldes e alcaldesas da provincia; o presidente da FEMP, da FEGAMP; Confederacións Empresariais de España, Galicia e Ourense;  organizacións de autónomos a nivel nacional, autonómico e provincial; e todas as asociacións empresariais de Ourense.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: