Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 O PP alerta do impacto da crise do coronavirus no sector vitivinícola e pide ao Goberno un plan con medidas extraordinarias

Imprimir ppou - 01-Maio-2020 - 17:10:41 


• O grupo parlamentario popular no Senado e por iniciativa dos senadores ourensáns pide unha estratexia para paliar as consecuencias desta crise, fixar unha liña de axudas para o almacenamento temporal e non  sobrecargar os mercados, un plan de apoio ás exportacións e accións para potenciar o consumo interno.

• A redución do volume de negocio, cunha enorme influencia do peche da restauración e a hostalería, pon en perigo a supervivencia de miles de adegas e podería obrigar a miles de viticultores a deixar abandonada a próxima colleita.

1, maio, 2020.

Diminución do consumo, redución do volume de negocio, miles de agricultores que poden verse obrigados a deixar abandonadas as súas colleitas e outros miles de adegas en perigo de peche. Este é o impacto que os expertos calculan que pode ter a crise do coronavirus no sector vitivinícola, polo que urxe elaborar un plan con medidas extraordinarias que axude á recuperación dunha actividade que converte a España no primeiro país do mundo en superficie de viñedo, con case un millón de hectáreas, e un dos principais produtores de viño, con 44,4 millóns de  hectolitros. Unha situación á que non é allea a provincia de Ourense, na que, con catro denominacións de orixe das cinco existentes en Galicia, este sector  cohesiona o rural ourensán e dinamiza a provincia cunha importante repercusión socio económica.

O grupo parlamentario do Partido Popular no Senado, á vista desta situación, tomou a iniciativa e a través dunha moción asinada polos senadores ourensáns -Miguel Ángel Viso, Carmen  Leyte, Francisco José Fernández e Jesús Vázquez- solicitan ao Goberno un plan nacional para paliar as consecuencias desta crise, fixar unha liña de axudas para o almacenamento privado temporal e non  sobrecargar os mercados, un plan de apoio ás exportacións e accións dirixidas a potenciar o consumo interno.

A moción, que se debaterá na Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación do Senado, destaca os resultados dun estudo realizado pola Federación Española do Viño, segundo o cal o 96 % das adegas españolas anticipan graves danos aos seus negocios pola continua caída do consumo interno, esperando un descenso do 35 % en volume de viño comercializado e unha perda de máis do 50 % do valor de vendas. E todo iso pese ao repunte de vendas nos supermercados e vía  online, que non compensará a forte caída en restauración e hostalería debido ao peche destes negocios, así como a ausencia de promoción pola suspensión de salóns, feiras e mesmo festas tradicionais.
 
MENCIÓN ESPECÍFICA PARA OURENSE.

A iniciativa dos senadores populares ten unha mención específica para a provincia de Ourense, destacando que é un dos escasos lugares de Europa onde conviven tantas denominacións de orixe –catro- nun mesmo territorio. Un sector que se no ámbito económico ten un destacado peso -en 2018 comercializou máis de 20 millóns de litros e facturou 96,4 millóns de euros- no capítulo social actúa como un factor de cohesión do rural.

A esta complexa situación hai que engadir un factor máis. Dentro de catro meses iniciarase a vendima e chegará unha nova colleita, á que os adegueiros haberán de sumar a produción que non se comercializou, polo que se corre o grave risco de que os viticultores se vexan obrigados a abandonar as súas colleitas e as adegas para botar o peche.

Xunto á importancia económica, a xeración de emprego nas zonas produtoras e a súa contribución á cohesión do rural, conclúen os senadores, hai que sumar o indubidable valor ambiental deste sector polas súas achegas ao mantemento da diversidade, da paisaxe e a redución de  C02.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: