Noticias
Blog
Manuel Baltar saúda a valentía política de Feijoó para optar a unha cuarta maioría absoluta “á que contribuirá como ninguén o PP de Ourense”
• O presidente provincial destacou o papel decisivo que sempre tiveron os populares ourensáns en cada cita coas urnas, remarcando que “se hai unha forza en España con capacidade electoral, esa é a nosa, tal e como demostramos nas últimas eleccións xerais obtendo o mellor resultado a nivel nacional de calquera formación política”.
11, febreiro, 2020.
O presidente provincial do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, subliñou hoxe a valentía política de Alberto Núñez Feijoó para optar a unha cuarta maioría absoluta, reto “ao que contribuirá como ninguén o PP ourensán, na procura dun novo goberno estable, con proxecto e de futuro para Galicia”. Manuel Baltar fixo estas afirmacións ao remate da xunta directiva do PPdeG, celebrada esta mañá en Santiago de Compostela, na que se ratificou a candidatura de Núñez Feijoó ás eleccións do próximo 5 de abril.
O líder dos populares ourensáns defendeu un calendario electoral “propio para Galicia, “a única comunidade autónoma de España –lembrou- cunha maioría absoluta que nos permitiu progresar desde a estabilidade, a máxima colaboración e lealdade institucional e cunha xestión rigorosa, como fixemos neste anos e seguimos a facer na Deputación de Ourense”.
Manuel Baltar destacou que o PP ourensán sempre tivo un papel decisivo en cada cita coas urnas, “como así será tamén o 5 de abril porque temos os deberes feitos para afrontar este novo reto”. Remarcou neste sentido que “se hai unha forza política en España con capacidade electoral, esa é a nosa, tal e como demostramos nas últimas eleccións xerais obtendo o mellor resultado a nivel nacional de calquera formación política, con máis votos e maior porcentaxe de apoio electoral que nas xerais de abril de 2019, e nun escenario político inédito na historia de España”.
Agora, engadiu “toca seguir traballando, esta vez en clave autonómica, de progreso e estabilidade para conseguir de novo esa confianza maioritaria e seguir liderando as comunidades autónomas”.
Neste obxectivo, afirmou, o Partido Popular de Ourense deseñará unha candidatura potente, “que reflectirá, como sempre, a confluencia de intereses coa veciñanza da provincia, porque máis aló dos nomes sempre defenderemos que por iba de todo esta Ourense, e Galicia”.