Noticias
Blog
Os senadores do PP de Ourense e Lugo reclaman ao Goberno explicacións polo peche das salas do 091 en ambas as dúas capitais
• Os senadores ourensáns Jesús Vázquez, Carmen Leyte, Miguel Ángel Viso e Francisco José Fernández, así como os representantes pola provincia de Lugo, Rosa María Arza Rodríguez, José Manuel Barreiro Fernández e Manuel Lorenzo Varela Rodríguez, rexistraron varias preguntas ante o que cualifican como nova discriminación e agravio do Goberno de Pedro Sánchez cara as provincias de Ourense e Lugo
6, febreiro, 2020.
Á vista da decisión do Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral da Policía mediante o proxecto Cimacc 091, de pechar as salas do 091 en Ourense e Lugo, o que provocará que as chamadas que analizan e dan resposta ás solicitudes urxentes e demandas de información dos ourensáns e lucenses serán recibidas na Xefatura da Coruña, os senadores populares de Ourense e Lugo manifestan o seu rexeitamento a esta decisión que atenta contra a cercanía e calidade dun servizo público esencial.
Consideran os representantes populares de Ourense e Lugo na Cámara Alta que esta decisión supón unha discriminación máis das que vén realizando o Goberno actual cara ás provincias de Ourense e Lugo fronte a outros territorios, polo que veñen de rexistrar formalmente solicitude de resposta ás seguintes preguntas:
Cre o goberno de España que está decisión favorece ao cidadán de Ourense e Lugo? En caso afirmativo, en que beneficiará esta decisión aos veciños das provincias de Ourense e Lugo?
Cales son os motivos que levaron á supresión da sala do 091 en Ourense e Lugo?
Cales son os obxectivos que persegue dita decisión?
Cal é o número de chamadas rexistradas ao 091 de Ourense e Lugo desde o ano 2010 á actualidade? (solicitamos datos desagregados por anualidade e provincia) Cales foron os motivos de ditas chamadas? Que porcentaxe de ditas chamadas foron consideradas de carácter “urxente” por parte da Policía Nacional?
Que provincias de España verán suprimidas as súas salas do 091 con motivo da aplicación do proxecto Cimacc 091?
Os senadores ourensáns e lucenses rexistraron de modo conxunto estas preguntas ante esta nova discriminación e agravio do Goberno de Pedro Sánchez cara as provincias de Ourense e Lugo.