Noticias
Blog
Pablo Pérez, reelixido membro do comité executivo da FEGAMP para o mandato 2019-2023
• No consello federal desta entidade, do que tamén forma parte, estará acompañado polas alcaldesas de Oímbra e Boborás, Ana Villarino e Patricia Torres, e o rexedor de Maceda.
• Pérez agarda “catro anos de fructífero traballo para unha entidade que debe garantir a representación de todos os municipios e provincias, con independencia da cor política dos seus gobernos, e sen iniciativas partidistas e de inxerencia na autonomía local como ás que asistimos no anterior mandato”.
30, novembro, 2019.
Pablo Pérez foi reelixido como membro do comité executivo da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), no decurso da décima asemblea xeral celebrada en Santiago de Compostela e na que se constituíron os órganos directivos desta entidade para o novo mandato.
Pablo Pérez, deputado provincial, concelleiro en Quintela de Leirado e secretario de organización do PP ourensán, será un dos 17 membros que integran o comité executivo, formando parte tamén do consello federal, entre cuxos 55 membros hai outros tres representantes populares máis da provincia: Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra; Patricia Torres, alcaldesa de Boborás –ambas as dúas deputadas provinciais-; e Ruben Quintas, alcalde de Maceda.
Pérez, que agradeceu esta nova oportunidade para representar aos concellos ourensáns, valorou positivamente o traballo desenvolvido durante o anterior mandato, “no que defendimos os intereses dos concellos da provincia a través de diversas iniciativas e propostas, ademais de facilitar información puntual para que os nosos representantes municipais puidesen aportar as súas suxestións ás iniciativas lexislativas da Xunta de Galicia”.
Para este novo mandato, Pablo Pérez puxo o énfase na necesidade de traballar pola mellora do financiamento das administracións locais –concellos e deputacións-, “pero tamén para achegarnos ao necesario reequilibrio terriorial entre a Galicia do litoral e a do interior”. Agarda, engadiu, “catro anos de fructífero traballo para unha entidade que debe garantir a representación de todos os municipios e provincias, con independencia da cor política dos seus gobernos, e sen iniciativas partidistas e de inxerencia na autonomía local como ás que asistimos no anterior mandato”.
Precisamente a defensa da autonomía municipal e provincial é un dos piares da FEGAMP, na que están representados os 313 municipios galegos e as catro deputacións provinciais e que renova os seus órganos de goberno cada catro anos, logo das eleccións municipais.
A representación popular na FEGAMP únese á reelección, o pasado mes de setembro, do presidente da Diputación de Ourense e presidente do provincial do PP, Manuel Baltar, como membro da xunta de goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Baltar, un dos dez vocais do PP dentro dos vinte e cinco que forman a directiva do máximo órgano de poder local de España, é o único presidente dunha diputación, xunto á de Palencia, que está presente na xunta de goberno.