Noticias
Blog
O PSOE de Ourense viaxa ao “país dos ananos políticos” cargando coas mochilas de Touriño e Pedro Sánchez
• O partido socialista, o do Falcon de Pedro Sánchez e o do Audi blindado de Touriño, carece de credibilidade falando de viaxes e de coches oficiais, aplicando iso de “consellos vendo que para min non teño”
• A gran noticia de hoxe é que dous deputados provinciais socialistas compareceron nunha sala de prensa –con medios audiovisuais que a Deputación de Ourense pon a disposición dos grupos políticos- para dar conta dun argumento absolutamente rexeitable, unha cuestión que os socialistas non realizan en ningunha das administracións onde gobernan
10, setembro, 2019.
O Partido Popular de Ourense cualifica a comparecencia de hoxe de dous deputados provinciais socialistas como unha “viaxe ao país dos ananos políticos”, carecendo absolutamente de credibilidade ao atribuírse os socialistas a cualidade de “mestres das boas prácticas no transporte”, eles que pertencen ao partido do Falcon de Pedro Sánchez e do Audi blindado de Touriño, aplicando iso de “consellos vendo que para min non teño” ao falar de viaxes e de coches oficiais.
A gran noticia de hoxe é que dous deputados provinciais socialistas compareceron nunha sala de prensa –con medios audiovisuais que a Deputación de Ourense pon a disposición dos grupos políticos- para dar conta dun argumento absolutamente rexeitable, unha cuestión que os socialistas non realizan en ningunha das administracións onde gobernan.
Se isto é o que aprenderon das “boas prácticas” dos presidentes das deputacións socialistas, cualifícanse por si mesmos, xa que ningún destes presidentes socialistas utiliza os medios públicos de transporte e todos utilizan coches oficiais, como acontece en toda España en todos os niveis e en todas as administracións.
Si con esta moción tentan crear unha polémica entre o Partido Popular e Democracia Ourensana, en relación coa medida que anunciou o alcalde de Ourense, aviados van, pois non fan máis que poñer de manifesto o seu “ananismo político”, xa que non existe ningún tipo de controversia, cada administración é diferente, e a Deputación de Ourense está ao servizo de toda a provincia, que conta con 7.273 quilómetros cadrados e que precisa, pola súas competencias de apoio e asistencia a todos os concellos, un parque móbil axeitado, como o actual, que xa foi redimensionado nos últimos tempos coa incorporación de vehículos eléctricos e híbridos; utilizando a modalidade de renting, e un sistema absolutamente transparente.
Neste sentido, na propia web da Deputación de Ourense pódense consultar todos os tipos de vehículos que conforman o parque móbil da institución provincial. Non hai ocultación nin falta de transparencia, todo o contrario: o que hai é un sistema áxil, que asiste aos concellos, e que nada ten que ver coas fabulacións dos dous “iluminados” que hoxe compareceron nesa sala de prensa nova, perfectamente equipada, que o goberno provincial pon a disposición de todos os grupos políticos con representación na provincia de Ourense.
Por parte dos socialistas, o que hai é unha mostra máis de miopía política por parte de dous representantes políticos aos que se lles enche a boca falando de “boas prácticas” sen decatarse de que cada vez que falan se atragoan co veleno da impotencia política e da inconsistencia da súa mensaxe, que non fai máis ca referendar que por algo os ourensáns, nas pasadas eleccións locais, enviáronnos de viaxe ao sitio que merecen: á estación dos fracasados políticos.
Saúdos,