Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Eleccións Locais 2019: Manuel Baltar: “Ourense será pioneira e referencia nacional e internacional para as políticas de reto demográfico”

Imprimir ppou - 23-Maio-2019 - 19:02:17 


• O presidente provincial do PP e candidato á presidencia da Deputación, Manuel Baltar, destacou a inclusión no programa de goberno 72-73 de medidas específicas para facer fronte ao desafío demográfico, “ámbito que xa neste mandato estivo presente en todos os plans de apoio aos  concellos”. 

23, maio, 2019.

“A provincia de Ourense será pioneira e referencia nacional e internacional en investigación, análise e posta en marcha de políticas de reto demográfico”, dixo hoxe o presidente provincial do PP e candidato á presidencia da Deputación, Manuel Baltar, que destacou a inclusión no programa de goberno 72-73 de medidas específicas para facer fronte ao desafío demográfico, “ámbito que xa neste mandato estivo presente en todos os plans de apoio aos  concellos”.

Como exemplo das políticas desenvolvidas polo PP a través da súa acción de goberno provincial, Manuel Baltar fixo unha mención expresa ao proxecto  EmprendOU, aprobado hoxe mesmo pola Xunta de  Goberno da institucional provincial, e que poñerá 2 millóns de euros para financiar con fondos europeos ata 250 plans de autoemprego e emprendemento de mozos de entre 16 e 31 anos, que residan nos 82 municipios da provincia de menos de 5.000 habitantes.

“Estes son os feitos que os gobernos do Partido Popular poñemos sobre a mesa á hora de xestionar”, defendeu o presidente provincial do PP, que expresou o seu orgullo por conseguir “un dos avances máis importantes das últimas décadas para o conxunto das provincias europeas”. Referiuse así a unha das novidades do novo marco financeiro plurianual da UE, “onde as provincias non só exercemos como xestoras de fondos comunitarios, senón tamén como receptoras directas desde Bruxelas”.

Un logro destas características, engadiu, “só é posible cando se ten unha perspectiva global de provincia e dáselle visibilidade, como así fixemos con Ourense, presidindo a Asociación Europea de Gobernos Provinciais,  Partenalia, e colaborando co Comité Europeo das Rexións”.  Pero non só no ámbito público, senón tamén da man da sociedade civil, o goberno provincial de Manuel Baltar afrontou este tema “cooperando coa Cátedra de Reto Demográfico da  International Business School, á que a Asociación Española de Xornalistas de Medio Rural xa anunciou a súa intención de contribuír.

O reto demográfico, explicou, “ocupa unha parte moi importante do programa de goberno 72-73, pois se vincula con moitas das 124 medidas que inclúe o plan”, como a creación dunha área e dunha comisión específicas para este tema dentro da estrutura da Deputación, así como a posta en marcha de destacados programas como o Observatorio Internacional do Medio Rural que, en colaboración coa Universidade de Vigo, “permitirá converter a Ourense nun laboratorio de ensaio para as políticas comunitarias, dado que o escenario actual da provincia será a foto fixa da UE en 2050”.

Se no mandato recentemente finalizado “xa puxemos en marcha iniciativas que non teñen o resto das deputacións galegas, como o plan de natalidade, durante o próximos catro anos -dixo o presidente do PP- abriranse para Ourense un amplo abanico de oportunidades, con nichos de emprego en ámbitos estratéxicos para a nosa provincia como os servizos sociais e o termalismo”.
 
MITINS EN LAZA, MONTERREI, SANDIÁS E A RÚA.

Logo do mitin central celebrado onte en Ourense, cualificado por Manuel Baltar como “unha demostración máis da fortaleza política do PP”, os populares continuaron a súa axenda de campaña nos concellos de Laza, Monterrei, Sandiás e A Rúa.

En Laza, o presidente popular afirmou que o candidato á alcaldía, José Ramón  Barreal, “destaca pola súa capacidade para formular iniciativas baseadas nas potencialidades do  concello, como o feito de que Laza sexa ligazón coa Gudiña, a través do Camiño de Santiago, coa Vía da  Prata”, sen esquecer de citar o AVE.

José Luis Suárez, candidato á alcaldía de Monterrei, tamén estivo arroupado polo presidente provincial, para quen o tamén alcalde “demostrou ser capaz de xerar sinerxias de colaboración con outras administracións, como a  Deputación e a Xunta, en asuntos non só de interese local senón tamén provincial”.
Xa en Sandiás, Manuel Baltar afirmou que “o vindeiro domingo os veciños terán a oportunidade de regresar á senda do progreso nun  concello que sempre estivo gobernado polos populares ata este último mandato”. 

A Rúa tamén foi escenario dun mitin máis, coa intervención de Avelino García, presidente da xunta local do PP; Miguel Santalices, coordinador de política autonómica; Álvaro Fernández, candidato á alcaldía; e o secretario xeral do PP ourensán, Rosendo Fernández.



(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: