Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: Manuel Baltar propón a creación dunha oficina do emigrante para axudar “a quen contribuíu a crear Ourense desde o exterior”
• O presidente provincial do PP e candidato á presidencia da Deputación puxo en valor a todas aquelas persoas que afastadas das súas familias e das súas casas “seguiron presumindo de raíces”, razón máis que suficiente “para prestarlles toda a colaboración no momento que deciden retornar á súa terra, incluídos os seus descendentes, coas dificultades administrativas e emocionais que iso conleva”.
20, maio, 2019.
Traballo, creatividade para emprender e moito esforzo para defender un novo modo de vida a miles de quilómetros do seu fogar son as principais características que definen a todos os ourensáns que deixaron a súa terra para buscar novas oportunidades noutros países, “contribuíndo a crear Ourense desde o exterior”. O presidente provincial do PP e candidato á presidencia da Deputación, Manuel Baltar, afirmou hoxe que xa é hora de devolverlles en forma de apoio e colaboración institucional todos os sacrificios feitos na súa vida, “facilitando o seu regreso coa posta en marcha dunha oficina para o emigrante retornado”.
Manuel Baltar puxo en valor a todas aquelas persoas que afastadas das súas familias e das súas casas “seguiron presumindo de raíces, da súa terra e que en ningún momento esqueceron de onde viñan”. Razón máis que suficiente, defendeu, “para prestarlles toda a colaboración necesaria no momento que deciden retornar á súa terra, incluídos os seus descendentes, coas dificultades administrativas e emocionais que iso conleva”.
A futura oficina do emigrante é unha proposta realizada polo grupo popular provincial durante o debate do estado da provincia de novembro de 2018 e incluída no programa de goberno 72-73. Unha nova área estreitamente vinculada ao reto demográfico, pois tamén atenderá a todas aquelas persoas que, aínda sen vínculos ourensáns, decidan instalarse na provincia, facilitando información e titoría para atopar residencia e oportunidades laborais e formativas.
“Pero non é unha iniciativa illada -dixo o candidato á presidencia da Deputación- senón un paso máis no marco da política desenvolta nestes anos polo Partido Popular á fronte da institución provincial”, lembrando que durante o mandato recentemente finalizado incorporouse ao organigrama un asesor para asuntos de emigración, iniciáronse os trámites para a creación do Museo Galego da Emigración, que estará situado no Pazo de Vilamarín, “e sobre todo recoñeceuse a figura dos nosos emigrantes co premio Ourensanía, que na edición do ano pasado foi para o Centro Ourensán de Montevideo, en Uruguai, e ao Centro Partido do Carballiño de Arxentina.
MITINS EN LOBEIRA, CENLLE E CARBALLIÑO.
No inicio da última semana de campaña, os populares ourensáns centraron a súa actividade nos concellos de Lobeira, Cenlle e O Carballiño, onde celebraron senllos mitins. Na primeira das localidades, Manuel Baltar pediu a confianza dos veciños para o candidato á alcaldía, Antonio Iglesias, “que cunha segunda maioría absoluta mostrará que ten un proxecto de goberno fiable”.
En Cenlle, o presidente provincial do PP destacou o compromiso demostado polo candidato, Gabriel Alén, “capaz de loitar polo seu concello, pero sendo consciente de que forma parte dun territorio moito máis amplo e con ámbitos estratéxicos como o termalismo”.
Xa no Carballiño, Baltar saudou a incorporación de Ricardo Perea, candidato á alcaldía, asegurando que “os populares imos dar ao concello un proxecto que ofreza xestión, que xere orgullo de pertenza e teña protagonismo no contexto provincial”.
CREANDO COMARCA EN VALDEORRAS.
É preciso xerar as condicións necesarias para que a xente siga vivindo no seu territorio, pero tamén creando sinerxias entre todos os concellos para facer comarca. Esta é unha das principais apostas do Partido Popular de Ourense en toda a provincia, dixo Manuel Baltar na Rúa, onde realizou unha visita a diversos puntos do concello acompañado polo candidato á alcaldía, Álvaro Fernández, a quen agradeceu o reto asumido para poñer fin “ á inestabilidade e á falta de obxectivos que se instalou no municipio en todos estes anos, achegando agora ilusión, ganas e un novo proxecto para cambiar o rumbo da Rúa e Valdeorras”.