Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: Manuel Baltar: “O próximo mandato seguiremos expandindo unha mensaxe de identidade, autoidentificación e orgullo de pertenza á terra”
• No Día das Letras Galegas, Manuel Baltar destacou o carácter galeguista do PP ourensán, "que forma parte da nosa praxe política, como a defensa do maior tesouro que temos, a nosa lingua, así como do pensamento galeguista e a recuperación das achegas dos seus fundadores".
17, maio, 2019.
No próximo mandato do Partido Popular á fronte da Deputación de Ourense “seguiremos expandido unha mensaxe de identidade, autoidentificación e orgullo de pertenza á nosa terra”, afirmou o presidente popular e candidato á presidencia da institución provincial, Manuel Baltar, coincidindo hoxe coa celebración do Día das Letras Galegas. Unha xornada que os populares ourensáns comezaron cunha homenaxe na Alameda do Concello a Antón Fraguas, escritor, historiador, antropólogo e galeguista, a quen se lle dedica este día.
Manuel Baltar destacou o carácter galeguista do PP ourensán, “que forma parte da nosa praxe política e nos diferenza profundamente dos resto das formacións, razón pola cal os nosos compromisos no só quedan reflectidos en papel, senón que se transforman en feitos. A cultura con maiúsculas, dixo, “é a nosa principal preocupación, como tamén é a defensa do maior tesouro que temos, a nosa lingua, así como do pensamento galeguista e a recuperación das achegas dos seus fundadores”.
Nesta liña, o candidato á presidencia da Deputación lembrou as accións desenvolvidas nestes catro anos desde a institución provincial, como traer a Ourense a icónica obra “A derradeira leición do mestre” de Castelao, a recuperación da esquecida figura de Ricardo Prada Chamochín, a reivindicación, mediante acordo plenario, da celebración do Día da Galicia Mártir ou o pulo ao premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, que pervive grazas ao compromiso da Deputación incementando a súa dotación económica,
Ese apoio á identidade co galeguismo, engadiu Baltar, “tamén forma parte do programa de goberno 72-73, que incrementaremos no próximo mandato, e no que seguiremos a colaborar con importantes entidades para a nosa cultura como as fundacións Eduardo Blanco Amor, Carlos Velo, Prieto Nespereira e Curros Enríquez”, citando ademais a divulgación da memoria e da obra de persoeiros como Pura e Dora Vázquez a través do premio de literatura infantil e xuvenil.
Cara un próximo mandato destacou o compromiso coa celebración, no 2020, do centenario do primeiro número da revista Nós, “onde estará a Deputación cunha exposición conxunta en colaboración coa Xunta de Galicia, sobre unha xeración de ouro non só das nosas letras, senón tamén do noso pensamento”, apuntando ademais que Ourense acollerá no vindeiro ano un congreso internacional sobre a cultura galega.
“Ese carácter galeguista que impregna o noso facer –continuou- tamén se trasladará ao Festival de Cinema, que comezamos a organizar o pasado ano e que quintuplicará o seu orzamento para a próxima edición, na que haberá unha sección dedicada a Blanco Amor”.
RAÍCES GALEGAS EN VILANOVA DOS INFANTES.
Neste Día das Letras Galegas, o Partido Popular ourensán tivo hoxe unha cita máis na romería etnográfica Raigame que se celebra en Vilanova dos Infantes, organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova. Un encontro, cualificado como Festa de Interese Turístico de Galicia, ao que acudiu unha ampla delegación da formación popular e do que Manuel Baltar dixo que constitúe “unha das mellores representacións das raíces e da identidade galega, como así tamen é a Coral de Ruada”, que recibiu o premio Adolfo Enríquez polo seu cen aniversario.
MITINS EN RAIRIZ DE VEIGA, VILARDEVÓS E A GUDIÑA.
A xornada de campaña dos populares tivo este venres como escenario os concellos de Rairiz de Veiga, Vilardevós, A Gudiña y A Rúa, como mostra de apoio a Asunción Morgade, Manuel Cardoso, José María Lago e Álvaro Fernández, candidatos ás respectivas alcaldías.
Asunción Morgade, aínda que xa alcaldesa, lidera por primeira vez a lista do PP “pero xa demostrou neste tempo que a mocidade é un plus na política local, pola súa capacidade para xestionar un concello e presentar e formular proxectos pensados para a súa xente”, sinalou Manuel Baltar.
O presidente provincial destacou na Gudiña o importante momento que está a vivir este Concello, preparándose para a chegada do AVE, “e José María Lago –que tamén é por vez primeira número uno- xa demostrou neste tempo estar perfectamente preparado para xestionar unha nova etapa destas características”.
En Vilardevós, Manuel Baltar recoñeceu a importante aposta que está a facer o candidato á alcaldía, Manuel Cardoso, pola mellora das comunicacións “fundamental para manter a poboación no municipio, por iso desde a Deputación comprometimos un investimento de preto de 400.000 euros para a reforma integral da estrada Vilardevós-Vilarello da Cota”.
O día rematou na Rúa, cunha visita de Manuel Baltar na que estivo acompañado polo candidato á alcaldía, Álvaro Fernández, que se incorpora ao proxecto popular “chegando fóra da política e que pode aportar moito desde a súa experiencia empresarial”.