Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: As comarcas adquiren protagonismo no programa provincial de goberno do PP con máis de trinta accións supramunicipais
• Para o presidente popular e candidato á presidencia da Deputación, Manuel Baltar, a inclusión de iniciativas en clave comarcal supón facer máis provincia, poñendo en valor os seus recursos singulares, pero dun modo conxunto, e superar así antigas visións localistas da política, o que nos diferencia do resto de formacións políticas que non ven máis aló dos seus límites municipais”.
16, maio, 2019.
“O Partido Popular de Ourense fixo da innovación unha das súas liñas estratéxicas de goberno, trasladando esta política a un novo concepto de provincia que vai máis aló do ámbito local”, afirmou hoxe o presidente popular ourensán e candidato á presidencia da Deputación, Manuel Baltar, quen destacou así o protagonismo que adquiren as comarcas no plan 72-73 que presenta para un próximo mandato á fronte da institución provincial. Un programa que inclúe máis dunha trintena de accións, propostas polos candidatos ás alcaldías dos 92 concellos nunha reunión de traballo celebrada en Allariz.
Precisamente nesta vila, onde os populares celebraron un dos mitins da xornada de campaña do xoves, que tamén lles levou ao Concello de Muíños, Manuel Baltar destacou que o Partido Popular só ten un único pacto, “que é cos ourensáns, pero pensando e actuando como un equipo, por iso propuxémonos recoller propostas e proxectos de ámbito supramunicipal”.
Para o candidato á presidencia da Deputación, a inclusión de iniciativas en clave comarcal supón facer máis provincia, poñendo en valor os seus recursos singulares, pero dun modo conxunto, e superar así antigas visións localistas da política, o que nos diferencia do resto de formacións políticas que non ven máis aló dos seus límites municipais”.
A perspectiva comarcal que o PP imprimiu ao seu programa provincial para un novo mandato, dixo Manuel Baltar, “axudará aos alcaldes a ofrecer unhas oportunidades de desenvolvemento económico moito máis amplas”. Como exemplos aproveitou o seu paso polas localidades nas que se celebraron os mitins do día para citar o plan director do río Arnoia ou un complexo residencial para a terceira idade na comarca de Allariz-Maceda, así como un plan transfronteirizo de turismo e natureza e a mellora da estrada N-540 entre Verea e Portugal, estes dous últimos puntos na Baixa Limia.
MITINS EN ALLARIZ E MUÍÑOS
O presidente provincial do PP arroupou hoxe coa súa presenza aos candidatos populares ás alcaldías de Allariz e Muíños, Luz Doporto e Plácido Álvarez. No primeiro dos mitins, Manuel Baltar pediu o apoio para revitalizar un concello “no que os seus veciños xa exprimiron os seus petos para manter a economía municipal, como consecuencia dunha deficiente xestión dos nacionalistas, encomiando a disposición de Luz Doporto a loitar por un novo modelo de política local que xira ao redor das xentes e a colaboración institucional.
En Muíños, Baltar afirmou que o candidato, Plácido Álvarez, é sinónimo e garantía de rigor e traballo, “como así demostrou nos seus vinte e catro anos como alcalde, así como tamén á fronte da portavocía do grupo popular na Deputación”, destacando ademais a súa visión comarcal da acción política para imaxinar, planificar e expoñer proxectos.
PROPOSTA POPULAR PARA CREAR A “MARCA PEREIRO”.
A posta en valor de todos os recursos que ofrece a contorna do encoro de Cachamuíña, tanto en turismo como en deportes e lecer, realizados por gobernos do PP e mantidos pola Deputación, é un dos obxectivos que se marcou o Partido Popular en Pereiro de Aguiar para un próximo mandato.
O candidato á alcaldía, Luís Menor, acompañado por Manuel Baltar, presentou hoxe aos empresarios locais de hostalería e restauración a súa proposta para crear a “Marca Pereiro”, na que todas as accións previstas nas ribeiras do encoro, xunto cos atractivos do complexo deportivo de Monterrei e o futuro parque acuático, sirvan de impulso á vintena de establecementos existentes no concello e axuden a dar crear unha oferta gastronómica singular.
UN PROGRAMA CON DESTACADO ACENTO SOCIAL.
Un dos eixos da actividade que hoxe desenvolven os concellos xira ao redor dos servizos sociais, cos que se dá resposta ás actuais características da poboación nas zonas rurais, fundamentalmente debido ao envellecemento dos seus habitantes.
O goberno provincial de Manuel Baltar realizou nos últimos anos unha forte aposta pola prestación deste tipo de servizos, incrementando ano tras ano o soporte financeiro ofrecido aos concellos. Unha aposta que o programa provincial popular 72-73 manterá viva cunha acción de goberno que terá un marcado acento social, coa atención á infancia, a teleasistencia ou a axuda a domicilio, ademais de programas específicos como BenOurense.