Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: Jesús Río encabeza a lista do PP na Mezquita “coa ilusión de darlle un goberno de progreso ao concello”
• Este é o momento de presentar unha alternativa á veciñanza “para que A Mezquita volva a ter visibilidade comarcal e provincial, deixando atrás determinadas políticas que converteron ao concello nunha illa”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, para quen o candidato do PP está perfectamente preparado “para cambiar o rumbo do concello”.
7, maio, 2019.
Jesús Río Piornedo (San Sebastián, 1973) é o candidato do Partido Popular á alcaldía da Mezquita, reto que acepta “coa ilusión de darlle un goberno de progreso ao concello e rematar cunha longa noite de Bloque e de PSOE”. Río Piornedo, cunha ampla traxectoria de doce anos na política municipal, asume a responsabilidade de liderar un equipo de persoas “que con moito esforzo queremos darlle a volta a unha situación de illamento, pola incapacidade dos actuais gobernantes de tecer unha rede de cooperación cos concellos da comarca e co resto das administracións”.
Fronte a un bipartito “sen iniciativas nin proxecto”, o candidato popular na Mezquita ten como prioridade “fixar poboación no concello, cubrindo as necesidades da veciñanza para ofrecerlles mellor calidade de vida”. Un obxectivo xeral no que se inclúen ámbitos económicos, sociais e de infraestruturas.
Entre os primeiros cita o apoio aos gandeiros, como un sector de peso no municipio, “tanto para ampliar como para crear novas explotacións”. Tamén destaca outra iniciativa fundamental para o municipio, como potenciar o ámbito turístico “porque somos a porta de entrada a Galicia pola Vía da Prata, e de cara ao Xacobeo do 2021 temos que aproveitar esta oportunidade”. A apertura do Punto de Atención á Infancia e a solución aos problemas de abastecemento de auga ocasionados polas obras do AVE son tamén outras das actuacións que formula o candidato.
Para o presidente provincial, Manuel Baltar, o feito de que Jesús Río aceptara o reto de asumir o liderado da candidatura popular “é a mellor noticia que podía recibir A Mezquita e o PP, pola súa experiencia como concelleiro, con ilusión dabondo, elaborando unha gran candidatura representativa de todo o municipio e cunha gran capacidade para presentar proxectos”.
Este é o momento de presentar unha alternativa á veciñanza “para que A Mezquita volva a ter visibilidade comarcal e provincial, deixando atrás determinadas políticas que converteron ao concello nunha illa”, engadiu Manuel Baltar, para quen Jesús Río está perfectamente preparado “para cambiar o rumbo do concello, que volva a ser popular e, ademais, demostre como se poden facer proxectos baixo a premisa da colaboración entre administracións”.