Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: José Ruído asume o reto conseguir un novo goberno popular en Baños de Molgas
• O candidato, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, “preséntase por primeira vez á alcaldía con toda ilusión por recuperar para o PP un goberno onde o pacto, o diálogo e mailo consenso serán os sinais de identidade deste novo proxecto popular”.
6, maio, 2019.
José Ruído Baltar (Baños de Molgas, 1968) encabeza a lista que o PP presenta ás eleccións municipais do 26 de maio co obxectivo de conseguir un novo goberno popular en Baños de Molgas, “para darlle impulso a un concello paralizado durante estes catro anos, onde a única xestión que souberon facer os nacionalistas foi a base de decretos, sen manter colaboración algunha cos socialistas que lles deron a alcaldía”. Ruído, cunha ampla traxectoria política que comezou na organización xuvenil Novas Xeracións, da que foi un dos seus fundadores, implicouse na vida municipal aos 23 anos como concelleiro, representación que ocuparía en distintos mandatos desde 1992 e nos dous últimos anos.
O candidato do PP ten moi claros os seus obxectivos, onde ademais do diálogo co resto de partidos que obteñan representación e da cooperación coas administracións, loitará “por situar a Baños de Molgas como un dos lugares de referencia na provincia no ámbito do turismo termal”, apuntando outras necesidades como a mellora das comunicacións, un centro de día para os maiores e ofrecer unha conexión digna a internet en todos os pobos.
José Ruído tamén tivo palabras de agradecemento para o que fora alcalde popular e agora portavoz na oposición, Eladio Mangana, “polo seu traballo e dedicación ao concello e á veciñanza”.
O presidente provincial, Manuel Baltar, que tamén se sumou ás palabras de agradecemento a Eladio Mangana, afirmou pola súa banda que a veciñanza de Baños de Molgas “ten unha nova oportunidade para contar cun alcalde do partido de Ourense, que xunto ao seu equipo darán todo de seu para cambiar o rumbo que tomou o concello neste último mandato”.
José Ruído, dixo, “preséntase por primeira vez á alcaldía con toda ilusión por recuperar para o PP un goberno onde o pacto, o diálogo e mailo consenso serán os sinais de identidade deste novo proxecto popular”.
O candidato, engadiu, “demostrará a capacidade de facer propostas que temos os populares, fronte a un goberno nacionalista en franca minoría incapaz de sacar adiante en todo este tempo iniciativas de proveito para os habitantes de Baños de Molgas”.