Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Eleccións Xerais 2019: Manuel Baltar: “O Partido Popular é a única formación que inclúe no seu programa medidas específicas para Ourense”

Imprimir ppou - 25-Abril-2019 - 11:04:40 



  
  

• No mitin central do PP na cidade, o presidente provincial, Manuel Baltar, comprometeu o apoio da Deputación á recuperación das termas da Chavasqueira, “demostrando unha vez máis que somos o único partido que fai bandeira da colaboración que debe presidir as relacións entre administracións”.

• Para a candidata ao Congreso, Ana Vázquez, as propostas específicas cara Ourense “demostran que o PP se preocupa polas singularidades de cada territorio, sabendo perfectamente o que compre facer desde o primeiro día de goberno”.

• O candidato á alcaldía da capital, Jesús Vázquez, pediu o voto “para un partido e para un presidente que teñan en conta a Ourense nos seus orzamentos, como así o temos demostrado sempre no PP con feitos, obras e proxectos”.

24, abril, 2019.

O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, puxo hoxe en valor o compromiso do Partido Popular coa provincia, por se tratar “da única formación que concorre ás eleccións xerais incluíndo no seu programa medidas específicas para Ourense”, nomeadamente nos ámbitos da demografía, as infraestruturas de alta capacidade, o medio rural e o termalismo. Manuel Baltar defendeu así o voto “para un presidente de España que nos teña en conta” durante a súa intervención no mitin central que o PP celebrou esta tarde en Ourense e no que tamén participaron o presidente da xunta local e candidato á alcaldía, Jesús Vázquez, a cabeza de lista ao Congreso, Ana Vázquez, e o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoó.

Comezou Manuel Baltar o seu discurso asegurando que o PP fai bandeira da colaboración institucional que debe presidir as relacións entre administracións, “o que demostrará unha vez máis cooperando a través da Deputación na recuperación de todo un emblema do termalismo na cidade e na provincia”, en referencia ao incendio que esta madrugada calcinou as termas da Chavasqueira. O termalismo, dixo o presidente provincial, “é unha poderosa riqueza que nos diferenza e singulariza, por iso o programa do PP “propón textualmente que consolidará a Ourense como a provincia termal de Europa”.

Entre as 500 medidas que formulan os populares, engadiu Baltar, tamén figura unha cita concreta ao papel que pode xogar a provincia como laboratorio demográfico, recollendo así “o noso compromiso de converter á Deputación no primeiro goberno provincial de España en contar cun área para o reto demográfico”.

Un capítulo directamente vinculado ao rural, onde tamén o programa do PP se compromete a colaborar e promover o Observatorio do Rural, unha iniciativa da Deputación, na que participa ademais a Universidade de Vigo, “para estudar mercados, a competitividade, perspectivas de emprego e proxectos de innovación nun ámbito que engloba ao 80 % do noso territorio”.

Un rural, dixo, “que tamén se vai beneficiar da aposta explícita de Pablo Casado por rematar a liña do AVE a Galicia e impulsar os proxectos das autovías A-56 a Lugo, e A-76 de conexión con Ponferrada, tal e como viñemos defendendo ao longo desta campaña en diversas ocasións”.
 
ANA VÁZQUEZ APELA A QUE NON SE PERDA NINGÚN VOTO CARA OUTRAS FORMACIÓNS
No mitin central e no nome de todos os candidatos populares ourensáns interveu a cabeza de lista ao Congreso, Ana Vázquez, para quen as propostas específicas cara Ourense “demostran que o PP é o único partido que se preocupa polas singularidades de cada territorio, sabendo perfectamente o que compre facer desde o primeiro día de goberno”.
Un labor, dixo Vázquez, que ten entre as súas prioridades para Ourense un plan de desenvolvemento rural “que revitalice socioeconómicamente estas áreas, que garanta o relevo xeracional, con especial atención a mulleres e mozos, con máis e mellores accesos ás novas tecnoloxías, formación para unha mellor capacitación no sector agroalimentario ou axudas para vivenda das que se beneficiarían os mozos de municipios de menos de 5.000 habitantes”.

No día posterior ao segundo debate dos candidatos á presidencia do goberno de España, Vázquez tamén repasou a súa participación nos debates electorais provinciais, “onde só escoitei a palabra mentira como argumento para rebatir, inútilmente, os logros dos sete anos de goberno popular con Mariano Rajoy”, apelando a que non se perda ningún voto cara outras formacións, “posto que lle darían un escano máis a Sánchez e a Ourense catro anos menos de progreso no noso rural”.

JESÚS VÁZQUEZ PIDE O VOTO PARA A EXPERIENCIA, A SERIEDADE E A XESTIÓN RIGOROSA
Na súa intervención, o presidente da xunta local de Ourense e candidato á alcaldía fixo unha emocionada mención ao acontencido esta madrugada nas termas da Chavasqueira, afirmando que “hoxe mesmo todas as administracións, Concello, Deputación e Xunta de Galicia, comezamos a sumar esforzos para iniciar a súa recuperación”.

Jesús Vázquez pediu o voto “por un partido e por un presidente que teñan en conta a Ourense nos seus orzamentos, como así o temos demostrado sempre no PP, non con simples palabras, senón con feitos, obras e proxectos”. Para iso, dixo, temos aos mellores representantes, en alusión aos candidatos ao Congreso e ao Senado, “o que significa votar pola experiencia, a seriedade e a xestión rigorosa”.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: