Noticias
Blog
Rosendo Fernández contará cos colexios profesionais para que asesoren e colaboren co Concello de Ourense
Ourense, 26 de febreiro de 2011.- Implicar os colexios profesionais no asesoramento técnico do Concello de Ourense e contar coa súa opinión cualificada en materia de servizos e infraestruturas foi o compromiso adquirido hoxe por Rosendo Fernández, candidato do PP á Alcaldía de Ourense, no encontro sectorial que mantivo cuns trinta representantes de colexios profesionais de Ourense e profesionais liberais para coñecer ás necesidades e suxestións deste sector da sociedade ourensá.
Os colexios profesionais botan en falta por parte do Concello de Ourense que se conte con eles en temas de urbanismo, sanidade, cultura, economía e educación, principalmente, e pedíronlle ao candidato popular que haxa "un verdadeiro compromiso para que se teña en conta a opinión técnica duns profesionais que viven e traballan en Ourense e que teñen moito que dicir para contribuír a mellorar o municipio e a provincia".
Rosendo Fernández reuniuse, xunto co presidente provincial do PP, Manuel Baltar, e coa coordinadora do acto, Carmen Carballo, cos representantes dos colexios profesionais de médicos, arquitectos, avogados, procuradores, enfermeiros, economistas, enxeñeiros técnicos e superiores, así como con representantes culturais e empresarios. O candidato dixo que é "importante e imprescindible contar coa opinión cualificada destes técnicos para a que, traballando dende a súa neutralidade profesional, poidan colaborar co Concello de Ourense", e comprometeuse, no caso de acadar a Alcaldía, a crear unha comisión consultiva que permita establecer canles de cooperación entre os colexios profesionais e o Concello de Ourense.
Rosendo Fernández explicou que as decisión políticas que se toman principalmente, en materias de servizos e infraestruturas, "deben contar co asesoramento e validación técnica, pero non queremos que o Concello sexa un ente pechado á cidadanía, e no noso proxecto de facer Ourense entre todos queremos contar tamén coa opinión dos colexios profesionais".
Pola súa banda, Manuel Baltar dixo que o obxectivo dos encontros sectoriais é precisamente o de pulsar a opinión de toda a sociedade. "O PP é un partido aberto, o único que poderá levar a cabo o programa co que se presentará ás eleccións municipais, e por elo somos os únicos que podemos pedirlle opinións e colaboracións aos cidadáns, porque faremos exactamente o que eles nos pidan, sen ter que facer compoñendas post-electorais como o PSOE e BNG que o que fan nos gobernos bipartitos é rachar cos programas electorais e repartirse o poder para o seu propio interese e non pensando nos cidadáns".
O mellor exemplo desta política do PSOE e do BNG "feita de costas aos veciños" é a caprichosa recente decisión sobre á integración do AVE en Ourense, que se está a facer nos despachos sen ter en conta a opinión maioritaria dos cidadáns de Ourense", dixo Rosendo Fernández. "Nós, pola contra, queremos dialogar e escoitar a opinión de todos os ourensáns, para que entre todos poidamos facer a segunda gran transformación que a nosa cidade necesita", concluíu o candidato popular.