Noticias
Blog
Eleccións Xerais 2019: Manuel Baltar: “Cun goberno do PP, Ourense ocupará unha posición de liderado en Europa como territorio con maior potencial termal”
• O candidato ao Senado, Miguel Ángel Viso, lanzou unha mensaxe aos mozos de Novas Xeracións no que afirmou que “tendes nas vosas mans protagonizar unha nova etapa de desenvolvemento da provincia no ámbito do termalismo”.
20, abril, 2019.
“O termalismo é un factor que diferenza á provincia do resto de España, pero que tamén nos singulariza nos países da nosa contorna, de aí o compromiso do Partido Popular de Pablo Casado por apoiar o liderado de Ourense como o territorio con maior potencial de Europa”. O presidente provincial, Manuel Baltar, defendeu así un dos sectores estratéxicos da provincia no acto celebrado hoxe no balneario de Arnoia, organizado por Novas Xeracións. Alí déronse cita o presidente provincial da organización xuvenil popular, José Antonio Parente, o candidato á alcaldía do concello, Rodrigo Aparicio e os candidatos ao Senado, Miguel Ángel Viso, e ao Congreso, Avelino García e Belén Gómez.
Manuel Baltar quixo subliñar o lugar escollido para este acto, “escenario de importantísimas iniciativas de promoción como a presentación da Vuelta Ciclista a España 2016, que levou a marca Ourense Termal por toda a xeografía española”, lembrando ademais o compromiso do que fai gala o Partido Popular por este sector “sendo o punto de partida escollido para a campaña electoral ás autonómicas dese mesmo ano”.
Máis aló do impulso continuo que este ámbito ten por parte da Deputación de Ourense, “conxugando, por exemplo, termalismo e deporte”, o presidente provincial do PP puxo en valor o labor de promoción de Ourense como provincia singular no termalismo, lembrando que en outubro de 2018 “fomos sede da Asamblea Xeral da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais”, a rede máis importante do mundo que representa a 50 lugares termais de 20 países, na que ocupamos a vicepresidencia e da que son o único candidato á presidencia, axudándonos a posicionarnos a nivel internacional”.
No Partido Popular, dixo Baltar, “sempre falamos en positivo e falamos facendo, non só de palabra, polo que os nosos representantes no Congreso e no Senado terán entre os seus deberes esixir do goberno unha aposta decidida por recoñecer o carácter termal da provincia”.
IMPLICACIÓN DA MOCIDADE NA PROMOCIÓN TERMAL
Miguel Ángel Viso, cabeza de lista ao Senado, recolleu as palabras de Manuel Baltar para comprometer “esa decidida aposta por un ámbito que está chamado a ser o eixo das políticas de promoción das institucións ourensás”. Existen outros sectores de enorme interese para a nosa provincia, dixo Viso citando por exemplo a viticultura e mailo enoturismo, “que son perfectamente complementarios co termalismo, porque produto e de calidade temos en catro amplas zonas e augas mineromedicinais espalladas por todo o territorio”.
O candidato ao Senado lanzou unha mensaxe particular aos mozos de Novas Xeracións para que se impliquen, desde o coñecemento, neste sector “e presumades deste tesouro, porque sodes o futuro e, máis que ninguén, tendes nas vosas mans protagonizar unha nova etapa de desenvolvemento da provincia no ámbito termal”.