Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Eleccións Locais 2019: José Francisco Santana encabeza a lista do PP en Sandiás para crear un goberno “que conte coas achegas de todos”

Imprimir ppou - 20-Marzo-2019 - 16:20:24 


• O candidato, dixo o presidente, Manuel Baltar, “representa á perfección o que necesita Sandiás, que é recuperar o tempo perdido neste mandato e retomar o rumbo dun proxecto político que mira cara aos concellos e á provincia”. 

20, marzo, 2019.

  
  
José Francisco Santana Doval (Sandiás, 1973) será o candidato do Partido Popular á alcaldía de Sandiás, onde aspira a crear un goberno que “escoite as demandas de toda a veciñanza e conte coas súas propostas, comparta ou non as nosas ideas, e cun equipo de traballo renovado no que estea representado todo o concello”. O candidato, dixo o presidente, Manuel Baltar, “representa á perfección o que necesita Sandiás, que é recuperar o tempo perdido neste mandato e retomar o rumbo dun proxecto político que mira cara aos concellos e á provincia”.

Concelleiro e tenente alcalde desde 2007 e durante dous mandatos, José Francisco Santana está a deseñar un programa de intencións co que ofrecer aos seus veciños “obxectivos claros e ben definidos, xa que só con planificación pódense atender as necesidades do concello e non con ocorrencias, que non é xeito de traballar”.  Cuestiona así o candidato o labor do goberno local nestes catro anos, “no que a xestión municipal foi totalmente improvisada, tirando das ideas que ían xurdindo e sen ter un proxecto predefinido”.

A consecuencia, lamenta Santana, “é un concello no que, por exemplo, as pistas municipais carecen de mantemento e limpeza,  no que se reduciron drásticamente as actividades lúdicas, no que o centro social non funciona axeitadamente e no que o ámbito turístico está abandoado”. Pero moito máis grave é, apunta o candidato, “a falta dun verdadeiro compromiso político cos servizos de atención aos maiores”.

Por esta razón, unha das primeriras propostas que formula José Francisco Santana para a súa candidatura é crear un centro de día onde reunir aos maiores e desenvolver un amplo abano de actividades que lles axuden a mellorar a súa calidade de vida, “tendo en conta ademais que temos un número importante de persoas que viven soas”. Con programa aínda aberto, destaca outras dúas cuestións que requerirían unha especial atención, “como buscar novas captacións de auga para o abastecemento municipal e cubrir a pista polideportiva do colexio, tanto para que os nenos podan facer deporte en condicións como aproveitalo para outras actividades do concello”.

Para cumprir estes e outros compromisos, Santana contará cun equipo “onde haberá unha considerable renovación, con xente formada, respnsable, traballadora e no que procuraremos que estea representado todo o concello, buscando que todo o mundo sume”.

A análise e as propostas que lanza o candidato popular “falan ben ás claras das súas gañas de traballar e facer cousas polo Concello de Sandiás”, afirmou entre tanto Manuel Baltar, quen subliñou “a experiencia de Santana no ámbito municipal, pero tamén político como presidente da xunta local”.

As locais de maio, apuntou o presidente provincial, “son a mellor oportunidade para regresar á senda do progreso nun concello que sempre estivo gobernado polo PP ata este último mandato”. Santana, engadiu, ten un forte compromiso con Sandiás e a veciñanza, “e ademais terá ao seu carón a un partido, representado en todas as institucións, que xa demostrou dabondo que cre nos concellos e no protagonismo de cada un deles no futuro da provincia”.


(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: