Esta web utiliza cookies, puedes ver nuestra política de cookies, aquí Si continuas navegando estás aceptándola
Política de cookies +

Blog

 Manuel Baltar cree necesarios “máis pactos e menos confrontación política” para dar solución aos problemas da sociedade

Imprimir ppou - 08-Maio-2010 - 15:45:18 

O presidente do Partido Popular de Ourense e vicepresidente do Parlamento de Galicia, Manuel Baltar, dixo hoxe que considera “moi necesario” que os políticos “pacten máis e confronten menos” para dar solucións eficaces aos problemas que demanda a sociedade.
Manuel Baltar defendeu no “Fórum Europa. Tribuna Galicia”, en Santiago de Compostela, que un tema tan fundamental como o económico “merece un amplo consenso entre todas as forzas políticas, lonxe da busca de réditos electorais, para que nós, as persoas que temos as responsabilidades públicas que nos outorgaron os cidadáns, demos resposta ás demandas sociais e aos graves problemas de crise económica que padecen cidadáns e empresas”.

O presidente do PP de Ourense dixo que é preciso “humanizar a política”, porque é a mellor maneira de “xerar confianza e motivar a unha sociedade que está nos seus índices máis baixos de autoestima”, e engadíu que un político debe estar os 365 días do ano ao servizo dos cidadáns para recibir e ofrecer confianza á xente, e non só deixarse ver nas campañas electorais para captar votos”.

Baltar considera que os tempos actuais “esíxennos decisións inmediatas, políticos de garda as vintecatro horas, actividade permanente, xestión racional dos recursos, modernización e desenvolvemento. Só así recuperaremos  o creto e poderemos transmitirlle ilusión aos cidadáns, obter maiores e mellores resultados, combatir a crise con medidas concretas e reducir o gasto público. En definitiva, lexislar e gobernar para os que depositaron en nós a súa confianza e tamén para os que non nos votaron”.



Baltar dixo que a política “non é exclusiva dos militantes ou afiliados das formacións políticas. Por iso hai que falar tamén da importancia da presenza de independentes na política. A política non pode renunciar á participación da xente que non está afiliada a partido algún. A sociedade non debe ter as portas pechadas cun argumento como o da non afiliación. Este feito aporta credibilidade, tanto personal do que entra a desplegar unha actividade política sen formar parte necesariamente do aparato orgánico dun partido como do proxecto no que se introduce dun xeito voluntario”.

O presidente do PP de Ourense engadiu que debe valorarse “na súa xusta medida” a apertura dos proxectos políticos atraendo a personas que non son políticos profesionais, pedíndolles actuar en beneficio de todos os habitantes sen esixirlles afiliación. “A escena municipal, a un ano dos comicios, permite perfectamente esa consideración dos independentes e pode chegar a reclamarla”, dixo.

Galeguismo

Outros dous temas que abordou Baltar na súa conferencia referíronse a Ourense e o galeguismo. “Falar de Ourense –dixo- é falar do núcleo motor do pensamento galeguista moderno, europeista e universal, culto e centrado na propia identidade, plural e solidario. Nós temos a obriga de reivindicar a teoría e a praxe da  “Xeración Nós”, un grupo de homes que entregaron o mellor das súas vidas á reconstrucción de Galicia. Pronto celebraremos o centenario da aparición da revista Nós, un acontecemento digno de reclamar para Ourense, no ano 2020, a Capitalidade Europea da Cultura”.

Manuel Baltar defendeu a política “con altura de miras”, fuxindo do maniobrerismo político, pensando nos problemas da xente e aportándolles solucións. “A xente quere cercanía, coñecemento da problemática, accesibilidade, rápida resposta, políticos previsibles”.

Galicia ten que dar paso ao que definiu como “A Xeración Vós”, isto é, “que teña voz a cidadanía, cunha democracia participativa, contando co criterio de todos e cada ún das galegas e dos galegos. Eles son os que deben ter a palabra nesta etapa histórica. Recoller a testemuña dos que conformaron o pensamento político galeguista e afondar no seu legado aportando a súa visión, persoal pero formando parte dun colectivo que ten que ser consciente, máis ca nunca, do seu papel como pobo dono do seu destino”.

Tamén se referíu ao Plan de reequilibrio territorial do bipartito, ao que cualificou de ”papel mollado”, “unha colección de incumprimentos e unha boa mostra de publicidade política. Ahora, debe ser o actual goberno o que repare esa bulra bipartita, e penso que os pasos dados coa aprobación dos Plans Impulsa Ourense e Impulsa Lugo van na boa dirección, que é preciso fornecer e potenciar”.

Lingua galega

Baltar falou tamen da lingua galega, “un feito diferencial que enriquece a nosa posición como pobo e todos os gobernos deben protexela, defendela, promovela, blindala e potenciala. Sen discusións. E non como fixo o bipartito, que coa súa imposición rachou coa “pax lingüística” dos trinta anos anteriores de autonomía”.

En clave ourensá, Baltar explicou que o PP de Ourense puxo en marcha co gallo do pasado Congreso, o “Observatorio Económico Provincial Ourense 20.14” que fará unha diagnose da nosa realidade, tanto comarcal como concello a concello, básica para o plantexamento de propostas e investimentos dinamizadores.

Unha aposta polo cooperativismo, polo termalismo, polo sector primario sendo líderes en denominacións de orixe vitivinícolas ou mesmo no ámbito mundial en sectores como o da pizarra, son outras las liñas de traballo que fixou o líder Popular ourensán. “É preciso un investimento por parte das administracións públicas que faga xustiza cun pobo que uniu á súa capacidade de traballo á capacidade creativa non só no mundo das artes senón tamén no ámbito empresarial como na automoción, o nos sectores agroalimentario ou textil”.

(0)  Comentarios

Se desexa escribir comentarios pode crear unha conta aquí. aquí.

Suscíbete:
Redes Sociales: