Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: Susana Vázquez optará a un novo mandato en Porqueira “para traballar polo concello como unha veciña máis”
• O presidente provincial, Manuel Baltar, expresou a súa satisfacción pola decisión de Vázquez, que suporá catro anos máis de feitos cumpridos para Porqueira grazas á intensidade do seu labor e identificación cos seus”.
17, marzo, 2019.
Susana Vázquez Dorado (Porqueira, 1973) tentará un novo mandato á fronte da alcaldía de Porqueira, liderando a lista que o Partido Popular presentará para as eleccións locais de maio, procurando unha vez máis o apoio maioritario “para traballar polo meu concello como unha veciña máis”. O presidente provincial, Manuel Baltar, expresou a súa satisfacción pola decisión de Vázquez de dar un novo paso á fronte, “o que significará catro anos máis de feitos cumpridos para Porqueira grazas á intensidade que sempre demostrou a candidata no seu labor”.
Logo de catro mandatos, Susana Vázquez afirma que unha das cousas que máis lle importa é a opinión dos seus veciños e da xente que ven de fóra, “cando din, botando a vista atrás, que non recoñecen o concello por todo o feito ata agora”. A dotación de servizos básicos nos 33 núcleos de poboación do municipio foi un dos seus primeiros obxectivos, pasando despois a executar outros proxectos para o disfrute da veciñanza “como habilitar centros sociais nas seis parroquias, construír parques biosaudables e infantís, as piscinas municipais ou un recinto feiral”.
Cita a candidata outras actuacións de relevo como a reforma integral da estrada que comunica Xinzo de Limia con Bande e que atravesa o concello “achegádonos á capitalidade da comarca e á autovía”, a conservación do patrimonio con especial énfase na Torre de Porqueira, o programa de axuda a domicilio e a residencia da terceira idade recén aberta “xa con todas as prazas cubertas polo que estamos a pensar nunha futura ampliación”.
Cara un próximo mandato, Vázquez Dorado ten a intención de poñer en marcha un plan de vivendas sociais “coa restauración de casas abandoadas, algunas mesmo cedidas xa ao concello, creando un sistema de aluguer a prezos moi asequibles para que a xente nova poda vivir no concello, oferta que completaríamos cos servizos que xa temos para a conciliación familiar”.
Aínda cita a candidata unha cuestión máis como a concentración parcelaria, “que hoxe alcanza o 90 % do territorio e que facilitará a posta en marcha de maís explotacións gandeiras e agrícolas, pero neste último caso buscando producións alternativas ás tradicionais na comarca”.
Desde a dirección provincial, Manuel Baltar fixo súas as palabras de Susana Vázquez “ao dicir que só é unha veciña máis, xa que se por algo se caracteriza é pola súa total identificación co concello e os seus habitantes”. “Sei do profundo agradecemento que Susana Vázquez ten cara os seus veciños por darlle a oportunidade de ser a súa alcaldesa –afirmou o presidente provincial-, confianza coa que responden á unha persoa que está sempre ao seu carón”.
A candidata popular, sinalou Baltar, demostrou desde a alcaldía “como se loita por conseguir infraestruturas e proxectos, situando logo dos anos a Porqueira como un dos máis completos concellos da provincia por equipamentos e dotacións”. A recente apertura da residencia da terceira idade, engadiu”, “é un exemplo máis da súa insistencia á hora de cumprir as súas promesas”.