Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: Alberto Núñez e Manuel Baltar arrouparon coa súa presenza aos candidatos populares na Merca e Allariz
• O presidente provincial, Manuel Baltar, subliñou que “en pouco máis de dous meses tomaremos decisión fundamentais de futuro, que só están representadas no proxecto do Partido Popular”.
16, marzo, 2019.
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoó, e o presidente provincial, Manuel Baltar, visitaron hoxe A Merca e Allariz, apoiando coa súa presenza aos candidatos da formación popular que liderarán a lista para ás eleccións municipais de maio en ambos os dous concellos, Manuel Garrido e Luz Doporto, respectivamente. Acompañados tamén por membros das xuntas locais do PP ourensán, os dous presidentes tiveron a ocasión de manter encontros cos militantes, así como facer un percorrido polas rúas para escoitar e falar cos veciños.
“Sobre todo, escoitar o dobre que falar”, subliñou Manuel Baltar, para quen o Partido Popular “ten unha acreditada xestión de goberno que se basea no traballo constante, todos os días do ano haxa ou non eleccións, sen desconectar das inquedanzas e necesidades da veciñanza”.
Baltar puxo o énfase no decisivo periodo de reflexión que se aveciña, “pois en pouco máis de dous meses tomaremos decisión fundamentais de futuro, que só están representadas no proxecto do Partido Popular”.
Na Merca, o presidente pprovincial destacou a continua confianza amosada polos seus habitantes no PP, primeiro con Manuel Velo “estou seguro que así seguirá sendo con Manuel Garrido e a súa acreditada xestión de goberno”. Na Merca, Alberto Núñez e Manuel Baltar arrouparon a José Manuel Garrido Sampedro (A Merca, 1957), que agradeceu a presenza dos dous presidentes, destacando a aposta que está a facer o concello para crear emprego co desenvolvemento da actual área industrial. Unha superficie de máis de 200.000 metros cadrados “situada nun lugar estratéxico polas conexións coa autovía de Celanova e o futuro enlace co polígono de San Cibrao, que pretendemos consolidar como parque empresarial”.
En Allariz, Manuel Baltar foi rotundo ao afirmar que “é posible conseguir que a nosa formación sexa a máis votada, como xa demostramos nas xerais de 2015 e 2016 e nas autonómicas deste último ano”. Nas municipais “temos que mostrar a mesma contundencia e acabar coa illa que hoxe representa este concello logo de case trinta anos de goberno nacionalista excluínte”.
Entre tanto, a candidata popular, Luz Doporto Real (O Barco, 1971), reiterou que Allariz “demostrou que ten sentimento popular e temos que ratificalo nas municipais, que xunto coas xerais serán un reto importante para o que hai programa e un equipo –anunciou- xa afeito”, afirmando que o seu obxectivo “é conseguir un concello que teña abertas ás portas a todos, sen excepcións”.