Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: O PP reuníu en Allariz aos 92 candidatos da provincia “para falar de estratexia e proxectos supramunicipais”
• O presidente provincial, Manuel Baltar, valorou moi positivamente unha xuntanza innovadora “para ter unha visión máis ampla de provincia, cun programa que presentaremos nunhas semanas para gobernar a Deputación, que tamén sae das urnas e, no noso caso, co único candidato coñecido a presidir a institución”.
9, marzo, 2019
Os candidatos do Partido Popular ás 92 alcaldías da provincia de Ourense reuníronse hoxe en Allariz para deseñar novas estratexias, propostas e proxectos supramunicipais de cara ás eleccións de maio, “nun formato innovador que ven a demostrar que pensamos e actuamos como equipo, cunha visión que vai máis aló do local e que se corresponde co noso concepto de provincia”, dixo o presidente provincial popular, Manuel Baltar.
Distribuídos en mesas comarcais, os candidatos presentaron as principais iniciativas que se plantexan como concello, analizando a súa viablidade para desenvolver no contexto de cada comarca. Unha experiencia que cualificaron como moi positiva, con particular énfase por parte dos novos candidatos.
Manuel Baltar, satisfeito coa implicación amosada por todos e cada un dos presentes, afirmou que esta xornada de traballo “é un paso máis na procura dos mellores resultados municipais da historia que tentaremos alcanzar, marcándonos como obxectivo superar as 65 alcaldías actuáis e o récord de 71 concellos na provincia”. Un paso máis, aclarou, “porque xa estamos desde hai tempo nunha intensa dinámica de traballo, e non só en campaña, que ten como punto de partida o histórico apoio electoral conseguido nas xerais de 2011 e nas autonómicas de 2016”.
Para lograr estes obxectivos, o PP deseñou un proxecto renovado, con 36 candidatos que lideran por vez primeira unha lista popular, 17 delas mulleres, “que hoxe se dan cita aquí para ter unha visión máis ampla de provincia, cun programa que presentaremos nunhas semanas para gobernar a Deputación, que non o esquezamos, tamén sae das urnas e, no noso caso, co único candidato coñecido a presidir a institución provincial”.
O presidente provincial recoñeceu, por outra banda, que a convocatoria de abril ás urnas terá a súa influencia en maio, “unha circunstancia excepcional para un ciclo histórico de eleccións –xerais, municipais e europeas- que non son dúas partes dun mesmo proceso, senón que “se gañas o primeiro partido chegarás á final con máis vantaxe”.
O Partido Popular é a única forza política en permanente actividade “que non só se reúne en campaña, e iso o saben todos en todos os concellos da provincia”, declarou, “e a reunión de traballo de hoxe ven a ratificalo, con propostas específicas para os 92 concellos, as comarcas e a provincia”. Un labor “que xera confianza nos ourensáns, apoio no que radica a nosa fortaleza electoral”.