Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: Amador Vázquezseguirá á fronte da candidatura que o Partido Popular presentará en Vilamarín
• O presidente provincial, Manuel Baltar, afirmou que o candidato “foi quen de situar a Vilamarín no mapa provincial exercendo coa máxima responsabilidade a defensa do seu concello, para materializar iniciativas que o sitúan á vangarda da prestación de todo tipo de servizos públicos”.
4, marzo, 2019.
Amador Vázquez Vázquez (Vilamarín, 1947) seguirá á fronte da candidatura que o Partido Popular presentará en Vilamarín para as próximas eleccións municipais, cun claro obxectivo que pasa por atraer máis poboación “a un dos concellos que máis e mellores oportunidades pode ofrecer grazas a unha completa oferta de servizos”. Equipamentos e infraestruturas, dixo o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, “que o candidato fixo realidade en todos estes anos e que deron identidade propia ao concello”.
Amador Váquez cumprirá en maio 36 anos como alcalde, tempo no que conseguíu unha profunda transformación dun concello “que cando cheguei nin tan siquera tiña sede propia, coas oficinas espalladas por distintos lugares e mesmo pobos sen luz eléctrica”. Hoxe, explicou, “os 76 núcleos de poboación do municipio dispoñen de accesos acondicionados e todas as infraestruturas e servizos básicos necesarios, así como agrupacións veciñais con locais propios nas nove parroquias”.
Cara un novo mandato, Vázquez quere seguir a converter Vilamarín “nun lugar atractivo para calquera persoa que desexe facer a súa vida nun concello con todo tipo de servizos”. Para iso, explicou, “o noso obxectivo principal é a creación de máis emprego no parque empresarial e ofrecer vivendas asequibles”. Un ámbito, este último, “no que fixemos un gran esforzo cun parque propio de vivendas, que queremos ampliar, e de protección oficial mesmo con lista de espera para novos proxectos”. Unha axenda de traballo na que, ademais, o candidato inclúe como complemento unha maior oferta de actividades culturais, deportivas e de ocio.
Un proxecto de concello que Amador Vázquez tamén enmarca na Mancomunidade de Santa Águeda, que preside na actualidade, “posto que o traballo conxunto cos concellos limítrofes é fundamental para poñer en marcha moitos máis proxectos”.
En todos estes anos, dixo pola súa banda o presidente provincial, Manuel Baltar, “o candidato foi quen de situar a Vilamarín no mapa provincial exercendo coa máxima responsabilidade a defensa do seu concello”. Vázquez, subliñou, “é todo un especialista en conseguir a colaboración das administracións, coa experiencia que lle aportou a súa etapa como senador, para materializar as iniciativas que situaron ao concello na vangarda da prestación de todo tipo de servizos públicos”.
Baltar afirmou estar convencido de que os veciños de Vilamarín “voltarán a dar unha imensa maioría ao candidato, como veñen facendo desde hai moitos anos, para unha persoa con total dedicación e a mesma ilusión de sempre, o que tamén implica unha enorme satisfacción para o Partido Popular e o seu proxecto de provincia”.