Noticias
Blog
Eleccións Locais 2019: César Parente loitará “pola capitalidade da Ribeira Sacra” á fronte da lista popular en Nogueira de Ramuín
• “Falamos dunha das zonas máis emblemáticas da provincia e de Galicia, por iso o concello precisaba tamén dun candidato que tivera a forza suficiente para desenvolver un proxecto de estabilidade e futuro”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar.
3, marzo, 2019.
José César Parente Pérez (Parada do Sil, 1959) será o candidato que o Partido Popular presentará á alcaldía de Nogueira de Ramuín, onde tentará conseguir unha nova maioría de goberno “coa que impulsar o concello como capital da Ribeira Sacra”. Un obxectivo, dixo o presidente provincial popular, Manuel Baltar, “que define perfectamente a candidatura dunha persoa que se esforza a diario polo benestar da veciñanza, pensando tamén no papel que ten que xogar o seu concello nunha zona emblemática da provincia”.
César Parente incorporouse á política municipal hai dezaseis anos, exercendo a metade deles como concelleiro e tenente alcalde, para facerse cargo durante estes últimos oito anos da presidencia da corporación, sempre con maiorías. “Unha consecuencia lóxica da miña inquedanza e colaboración na vida local”, afirmou.
O traballo á fronte do concello en todo este tempo “foi máis ben de carácter técnico, pois tiñamos unha débeda que era necesario reducir, como fixemos, sen descuidar en ningún momento a creación e mellora de infraestruturas nos cen núcleos de pobación do municipio, o que requeriu un enorme esforzo”.
Non obstante, e malia a escaseza de recursos provocada pola crise económica, o candidato subliña que unha das principais tarefas do equipo de goberno centrouse na prestación de servizos sociais, cun centro de día municipal, o servizo de axuda no fogar ou a escola infantil, “o que precisa dunha parte moi importante dos orzamentos”.
Este ámbito seguirá moi presente cara un próximo mandato, engadindo otras iniciativas como a construción ou rehabilitación de vivendas para ofrecer a prezos asequibles e a creación de emprego, “grazas á posta en marcha definitiva do parque empresarial, no que xa se está a instalar unha empresa”.
Pero o candidato tamén incide no sector turístico “xa que somos a capital da Ribeira Sacra, co buque insignia do parador de Santo Estevo e o punto de referencia das viaxes en catamarán polo canon do Sil”. O impulso das administracións é fundamental, sinala, “pero tamén temos que sentar as bases para apoiar a cantas persoas queran emprender un proxecto turístico desde a iniciativa privada”.
Sen dúbida algunha, afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar, “estamos falando dunha das zonas máis emblemáticas da provincia e de Galicia, por iso o Concello de Nogueira de Ramuín precisaba tamén dun candidato que tivera a forza suficiente para loitar pola que tamén é a terra dos afiadores “.
César Parente, dixo o presidente popular, “encaixa perfectamente nese perfil, como así o ven demostrando como responsable das grandes victorias electorais do partido, ao conseguir o apoio maioritario da veciñanza, que recoñece así as virtudes dun proxecto de estabilidade e futuro como o do PP”.
O candidato, asegurou Baltar, “é un home leal, comprometido coas ideas e valores non só da nosa formación, senón co futuro do seu concello a través dunha xestión rigorosa que facilita a presenza de Nogueira en importantes foros, coa capacidade de que sexa escoitada a súa voz”.